DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo tamén obtivo un recoñecemento polo seu “impulso ao emprendemento”

Vi&Go, startup creada por estudantes da UVigo, acada o segundo premio nos Santander X Award Spain 2022

O proxecto consiste nunha electrolinera de intercambio de baterías para microvehículos eléctricos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 30/11/2022

Un dos principais retos da mobilidade eléctrica segue a ser a recarga das baterías dos vehículos. A falta de infraestruturas e o tempo preciso para este proceso supón un problema principalmente para as empresas de transporte e mensaxería que empregan este tipo de vehículos. A este tipo de compañías vai dirixida Vi&Go, unha iniciativa emprendedora posta en marcha por estudantes da Universidade de Vigo que acaba de ser distinguida co segundo premio nos Santander X Award Spain 2022, galardóns fallados este martes en Madrid que distinguen as mellores iniciativas de emprendemento universitario en España.

Detrás desta proposta, que formou parte do ecosistema de incubación Incuvi da UVigo, están Marta Álvarez Hereda, Adrián Marnotes Rodríguez e Ignacio Iglesias Araújo, da Escola de Enxeñaría Industrial. Álvarez cursou o grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e os seus compañeiros son do grao de Enxeñaría en Organización Industrial. O xurado, composto por expertos en emprendemento, inversión, tecnoloxía e márketing, concedeulles o segundo premio na categoría Launch. A encargada de defender o proxecto na final de onte foi Marta Álvarez, que destaca que “o evento foi incrible” e agradece o apoio da vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que os acompañou no acto e tamén recolleu unha distinción especial para a Universidade de Vigo que se lle outorga polo seu “impulso ao emprendemento”. 

En total, a esta convocatoria presentáronse máis de 300 candidaturas, das que só 20 pasaron á final e seis foron galardoadas, tres na modalidade: Launch e outras tres na Accelerate. Precisamente tendo en conta o alto nivel de participación e a calidade das propostas presentadas, Álvarez recoñece que é “un orgullo que unha entidade mundial como o Santander nos conceda este premio, un galardón que ten repercusión e prestixio e que nos achega visibilidade”. 

Unha rede de instalacións intelixentes para o intercambio de baterías

Vi&Go é un proxecto de carga, monitorización e xestión de baterías de microvehículos eléctricos de dúas ou tres rodas, é dicir patinetes, bicis, motos, etc. de distintas marcas. Consiste, explica Álvarez, “nunha rede de estacións intelixentes nas cidades, nas que sempre hai baterías cargadas para distintos tipos de vehículos eléctricos lixeiros. Trátase de que as 24 hora do día, os sete días da semana, os usuarios teñan á súa disposición baterías para intercambiar, de modo que deixan as descargadas e recollen unha cargada”. A proposta está pensada principalmente para particulares ou empresas de transporte ou reparto. “O que buscamos é que as flotas de microvehículos eléctricos para profesionais (last mile delivery, mobilidade compartida, etc.) sexan máis áxiles, económicas, con autonomía ilimitada e sostibles para as cidades”.

Con esta iniciativa, resume a súa cofundadora, “podemos derribar catro problemas ou barreiras que fan que os vehículos eléctricos se vexan como moi pouco atractivos á hora de traballar”. Por unha banda, Vi&Go permite limitar os altos custes de adquisición e mantemento destes vehículos eléctricos, “xa que non sería preciso mercar aqueles que teñan maior autonomía, que son tamén máis caros”. Por outra banda, tamén se soluciona a falta de infraestruturas para cargar os vehículos nas cidades e se eliminan os longos tempos de espera, “xa que as baterías deste tipo de vehículos tardan máis de 3 horas en cargarse”, e acabaríase coa autonomía limitada.

Preparados para tres pilotos en Vigo, Madrid e Barcelona

Na actualidade, a empresa xa está en funcionamento, explica a súa cofundadora, e unha vez que xa remataron o desenvolvemento do produto, “estamos preparados para facer pilotos en Vigo, Madrid e Barcelona”.

Sobre as características diferenciadoras de Vi&Go respecto da súa competencia, os seus impulsores destacan varios puntos clave, como o feito de que as estacións cargan baterías multimarca e multivehículo; que son modulares e a escalabilidade da infraestrutura é máis rápida e sinxela ou que a colaboración con marcas e fabricantes de vehículos dende o primeiro día permítelles non comprar baterías, senón que se crea unha comunidade e se xera innovación xuntos. Ademais, o seu proxecto permite xerar moitos datos “que queremos que sexan útiles para a mellora das cidades”.

3000 euros e o acceso aos Santander X Global Award 2022

O segundo posto na categoría Launch nos Santander X Award Spain 2022 suponlle á empresa unha achega de 3000 euros e o acceso aos Santander X Global Award 2022, a convocatoria que lanza Santander a nivel mundial. Explica Marta Álvarez que no eido do emprendemento “se valora moito recibir recoñecementos, porque é un mundo moi sacrificado, polo que ter estas pequenas doses de alegría sempre se aprecia”. Ademais, destaca que dende o punto de vista  económico “vennos moi ben, porque o financiamento é unha das primeiras barreiras que se presentan á hora de facer un proxecto ambicioso”. 

Traballando dende 2021

Vi&Go naceu en 2021, e despois de pasar polo sistema de apoio ao emprendemento da Universidade de Vigo, concretamente na fase de incubación de Incuvi en 2021 e de ser seleccionado na convocatoria de consolidación de Incuvi Avanza en 2022, pasou a formar parte da incubadora HightTechAuto da Zona Franca e do Clúster da Automoción. Neste tempo tamén recibiron outra distinción nacional, un dos premios Expansión ás mellores startup de mobilidade e smartcities, que lles foi outorgado hai xusto un ano.