DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor reuniuse hoxe con María Dolores Fernández 

Vigo súmase á iniciativa da Valedoría do Pobo de convocar un premio sobre igualdade de xénero nos TFG e TFM 

Tamén participarán as universidades de Santiago e A Coruña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/10/2019

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reuniuse este venres coa valedora do pobo, María Dolores Fernández, no primeiro encontro tralo recente nomeamento da responsable da Valedoría. No encontro, Reigosa confirmou a adhesión da Universidade de Vigo á iniciativa da institución que dirixe María Dolores Fernández e na que tamén participarán as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, de convocar un premio sobre igualdade de xénero nos traballos de fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM). “A idea é visibilizar o traballo das universidades en grao e mestrado sobre temas que poidan supoñer un avance na apertura de novos ámbitos de aplicación deste principio que abrangue as ramas xurídica, sociolóxica, psicolóxica, ciencias da saúde, economía, etc. porque é transversal. Fomentar que se estude neste campo e recoñecer os traballos que e fan neste ámbito pode ser moi interesante”, sinalou a valedora este mediodía no campus de Vigo.

Pola súa banda, Manuel Reigosa lembrou a sensibilidade da Universidade de Vigo coa igualdade de xénero e reiterou que “a universidade ten que dar exemplo e estar en primeira liña nestes temas, porque unha sociedade xusta só pode ser igualitaria e feminista”. O reitor da Universidade de Vigo felicitou á Valedoría por esta iniciativa, que considera “moi importante para darlle visibilidade ao traballo que se fai nas nosas aulas relacionado con esta temática”, dixo Reigosa.

Despois que as tres universidades galegas confirmasen a súa disposición a participar nesta iniciativa, a valedora avanzou que proximamente se reunirá cos tres reitores para asinar un documento no que se dará forma ao premio.