DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este venres na Facultade de Educación e Traballo Social

O VII Encontro Arredor do Rural achega ao alumnado os retos da sostibilidade de comunidades e territorios

Nel tamén se abordaron metodoloxías de colaboración neste ámbito entre universidade e entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 30/10/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres o encontro anual da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, unha rede colaborativa que conecta en Galicia o eido académico e universitario para desenvolver iniciativas sociais, colectivos e proxectos de sostibilidade e xustiza no medio rural. 

A cita levou por título Escoitando comunidades que se coidan: VII encontro arredor do rural e estivo organizada por dúas entidades promotoras da citada rede, o Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo e o GI-Esculca, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais contaron co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria da Universidade de Vigo. A coordinación recaeu por parte da UVigo en Iria Vázquez e por parte da USC en Cristina Varela e David García.

Na apertura da actividade, Iria Vázquez salientou a importancia de, tamén desde a universidade, contribuír a “rachar estereotipos e prexuízos sobre o rural” e establecer colaboracións que permitan o seu desenvolvemento. Do mesmo xeito, David García destacou a importancia de desbotar o modelo urbanocéntrico e ver a realidade do rural con iniciativas coma estes encontros, que permiten o diálogo entre o sistema formativo e as voces que están contribuíndo a un desenvolvemento rural sostible e xusto. Pola súa banda, Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, recalcou o compromiso do seu centro coa contorna e co pensamento crítico e puxo en valor as oportunidades e posibilidade que ofrece hoxe en día o rural. Por último, Raquel Rial, directora de área do campus de Ourense, recalcou o papel da institución académica para, desde a formación, a investigación, a transferencia e actividades como proxectos de aprendizaxe servizo, contribuír a valorizar o medio rural.

Formar e colaborar

Segundo explicaron desde a organización do encontro, “a Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural leva dende 2021 traballando por crear sinerxías entre a universidade e os territorios rurais, partindo das dificultades que existen para que o estudantado conecte co territorio rural e con futuros persoais e laborais que se desenvolvan nel de maneira sostible e xusta”. Para iso, engade, “intenta levar a cabo metodoloxías educativas que permitan aproveitar os recursos da universidade e das entidades e comunidades rurais, para producir unha aprendizaxe mutua e achegar valor social conxuntamente”.  

Neste contexto, “os encontros como o deste 30 de outubro buscan atopar novas colaboracións, debatendo as necesidades do territorio rural dende asociacións e cooperativas que traballan nel, e tamén formando a estudantado, profesorado e entidades en metodoloxías que sirvan para poñer en valor os saberes rurais e para pór ao alumnado a aprender facendo”, tal e como sinalan desde a organización. 
A programación arrancou cunha mesa redonda-podcast sobre as necesidades ecosociais do medio rural, moderada por Iria Vázquez e coa participación de Cooperativa Outonía e CDR O Viso. Seguiulle un obradoiro de metodoloxías para a colaboración entre sistema educativo e territorios/comunidades rurais, no que se coñeceron iniciativas de GI-Esculca e Amigas da Terra como os fondos de coñecemento do campesiñado; os proxectos de aprendizaxe-servizo e a rede de eco hortas escolares. Neste caso participaron Cristina Varela e David García, de GI-Esculca USC, e Laura Casal, de Amigas da Terra.