DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase ata o 2 de xullo no campus de Ourense

O VII Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito reúne arredor de 90 participantes

Organizado pola UVigo e por varias institucións académicas brasileiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 30/06/2026

O campus de Ourense acolle desde este martes e ata o día 2 de xullo a celebración do VII Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito (Sidecied 2026). A cita, que ten como temática Gobernanza, cidadanía e estado democrático de dereito, é froito da cooperación académica promovida por profesorado da UVigo, das universidades brasileiras Estadual de Londrina e Federal Fluminense de Río de Janeiro e do Instituto Gilvan Hansen. Con 90 persoas participantes e 180 comunicacións presentadas (60 delas presencialmente), a programación desenvólvese de xeito mixto, con actividades no campus de Ourense e grupos de traballo tamén en liña.

70 institucións académicas

O Sidecied 2026 será inaugurado esta tarde por Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e deputado provincial; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito da UVigo; Guillermo Suárez, catedrático e profesor da Facultade de Dereito da UVigo director do evento; e Gilvan Luiz Hansen, profesor da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense (Brasil) e co director do seminario xunto ao citado Guillermo Suárez e Antón Lois Fernández. Tras a apertura terá lugar a conferencia inaugural sobre Novas tecnoloxías dixitais e gobernanza na sociedade da información globalizada, a cargo de Bianca Kremer Nogueira, conselleira do Comité Gestor de Internet en Brasil (CGI.BR) e codirectora del Instituto DOT; e de Eder van Pelt, profesor da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense. 

Segundo explican desde a súa organización, o seminario “nace e fortalécese a partir dunha ampla rede de cooperación académica entre a Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, a Universidade Federal Fluminense, o Instituto Gilvan Hansen e moitas outras institucións colaboradoras”. Conta co patrocinio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; o Consello Social da UVigo e Lauro Rabha Advogados. Os seus obxectivos son “discutir as cuestións máis significativas ao redor da democracia e á xestión das institucións desde a perspectiva da construción da xustiza social e da sostibilidade, considerando as crises institucionais e as desigualdades presentes no escenario internacional”. A cita tamén quere promover o diálogo interinstitucional, mediante o intercambio de experiencias específicas de cada institución no que respecta á temática do evento e analizar os desafíos que se presentan ao dereito no enfrontamento das crises contextuais e na construción da sostibilidade con respecto á cidadanía e á democracia. Igualmente, a iniciativa aspira a construír e consolidar redes de relación e investigación que se transformen “en prometedoras alianzas académicas intercontinentais” e dar a coñecer o traballo que as institucións académicas implicadas no seminario realizan “en termos de contribución á sociedade contemporánea”.

Ao longo das súas edicións, o Sidecied, apuntan desde a súa organización, consolidouse como un espazo de reflexión, encontro e construción colectiva sobre democracia, cidadanía, gobernanza, xustiza social e estado democrático de dereito. “Chegamos a esta edición con datos que nos enchen de alegría e responsabilidade”, sinalan, apuntando que son 70 institucións universitarias, académicas e de investigación as representadas por investigadoras e investigadores neste 2026. Máis que un seminario, o evento, sinalan, “expresa unha rede internacional de investigación, colaboración e afecto académico”. 

Gobernanza institucional

Sobre a temática elixida este ano, desde a organización comentan que o seminario “centra a súa atención no debate ao redor das cuestións e desafíos que se presentan ás ciencias humanas e ás ciencias sociais, especialmente ao dereito, na procura de perspectivas democráticas, xustas e igualitarias para as relacións humanas en sociedade”. E iso, engaden, faise “nun escenario global marcado polas constantes inestabilidades derivadas de crises institucionais, que teñen no crecemento de movementos totalitarios a nivel mundial un síntoma de exclusión e unha ameaza para a humanidade, xerando impactos globais sobre a xestión das institucións (gobernos, empresas, familias etc.) e sobre a existencia das persoas na súa inserción cotiá na sociedade”. A iso, sinalan desde o seminario, “súmase o xurdimento de novos proxectos hexemónicos das superpotencias globais, que parecen querer revivir o espírito imperial romano, implantando dominación a escala global”. 

Neste contexto, os responsables académicos explican que “a participación das persoas na gobernanza institucional, nas instancias de discusión, deliberación, implementación e fiscalización das institucións, a nivel planetario, vólvese decisiva e fundamental". A cidadanía en termos mundiais, o seu exercicio e as súas múltiples posibilidades de expresión, engaden, “tórnanse cada vez máis necesarias de ser comprendidas e vivenciadas. As discusións ao redor da adopción de programas internacionais efectivos de garantía do desenvolvemento sostible fronte a iniciativas que conducen á destrución da natureza vólvense urxentes". Desta necesidade, apuntan, xorde este Sidecied 2026.