DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita retoma a súa actividade despois do parón provocado pola pandemia

O VII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense celebrarase o 2 de outubro

Co prazo de inscrición aínda aberto, hai xa 80 xogadoras e xogadores apuntados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 28/09/2021

Despois do parón provocado pola pandemia, o Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense volve este sábado 2 de outubro á palestra. Aínda co prazo de inscrición aberto, a cita contará coa participación de máis de 80 xogadoras e xogadores, entre eles varios mestres internacionais, e desenvolverase no pavillón de deportes universitario.

“É importante recuperar este torneo. O xadrez foi un dos deportes que máis parou a pandemia e pasou a ser todo virtual. Agora parece un bo momento para ir retomando a actividade presencial. Grazas á melloría da situación sanitaria, estamos moi satisfeitos de poder volver a celebrar este torneo, que é unha das nosas actividades estrela”, explica Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense. A xente deste deporte, sinala, “está desexosa de volver á competición e de volver a gozar do xadrez”, apuntando neste senso a boa acollida de inscrición que está tendo a actividade.     

O VII Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense está organizado polo Club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo e o patrocinio, ademais da UVigo, do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense. Segundo indican desde a súa organización, a competición organízase baixo a modalidade de partidas rápidas (15 minutos por xogador ou xogadora para toda a partida máis 5 segundos de incremento por xogada realizada desde o primeiro movemento ata a caída de bandeira). O torneo rexerase polas regras de xadrez da Fide, disputarase polo sistema suízo a nove rondas e será válido para ELO de rápidas.

2525 euros en premios

“Neste momento xa están inscritos aproximadamente 80 xogadores, entre os que podemos destacar varios mestres internacionais deste deporte, que compartirán o seu xogo e os seus coñecementos con afeccionados de diversa forza”, indican desde o Club Xadrez Ourensán Universitario. Así, sinalan, participarán no torneo tres grandes mestres, entre eles o antigo campión de España, natural de Esteiro, David Lariño; o serbio Aleksa Stríkovic, gañador de numerosos torneos abertos en España, e Arián González, español de orixe cubano anterior gañador do Torneo Internacional de Xadrez Campus de Ourense. Entre os mestres galegos que participarán estarán os mestres Fide Adrián Gómez, David Gómez, Antonio Pazos e Dan Cruz Álvarez. A inscrición está aberta ata o 30 de setembro, polo que desde o club animan ás e aos xogadores interesados a inscribirse a través da web do torneo.

En total concederanse 2525 euros en premios, 14 galardóns repartidos en catro categorías (xeral e os tramos Elo Fide 2200-2000; 1999-1800 e menos de 1800). No desenvolvemento da competición empregarase o protocolo Fisicovid-DXT Galego.