DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abordando desde a sensibilidade dos explosivos ata o uso da IA para o cálculo da seguridade viaria

Unha vintena de estudantes a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participan na 3ª edición da presentación dos proxectos colaborativos 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Investigación
  • Estudantes
DUVI 19/01/2026

23 estudantes dos graos en Enxeñaría da Enerxía e en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, entre eles dous alumnos do programa Erasmus procedentes da Esaip École d’Ingénieurs (Francia), participaron na 3ª edición da presentación dos proxectos desenvolvidos na materia baseada na metodoloxía de aprendizaxe colaborativa.

Na xornada, o alumnado dos últimos cursos do graos presentou os seus traballos á comunidade educativa da EE de Minas e Enerxía e tamén ao estudantado e profesorado de bacharelato do CPR Miralba de Vigo. “Os proxectos abordaron cuestións de plena actualidade no ámbito dos recursos mineiros e enerxéticos, poñendo de manifesto o compromiso da Escola coa innovación docente e coa formación integral do estudantado.”, explica Ana Mª Rodríguez Rodríguez, catedrática do Departamento de Enxeñaría Química. Explosivos baixo a lupa: analítica e predición da súa sensibilidade ao impacto; Deseño dun sistema para a recuperación das lagoas no Campus Universitario de Vigo; IA xerativa para o cálculo de propiedades de seguridade viaria en estradas; Captura de CO₂ mediante disolventes de deseño biocompatibles; e Análise de datos en plantas de materiais son os títulos dos proxectos expostos na 3ª edición da presentación dos proxectos colaborativos.

Coa colaboración do profesorado

Para a realización dos seus traballos, o alumnado da Escola contou coa colaboración de xeito coordinado de profesorado de diferentes departamentos, que os orientou ao longo de todas as fases dos proxecto e realizou un seguimento continuo da súa evolución. Os resultados foron defendidos ante tribunais compostos por persoas expertas e, posteriormente, presentados diante de membros da comunidade universitaria.

“Finalmente, púxose en valor a importancia de difundir os resultados dos proxectos a distintos colectivos sociais. Neste contexto, a participación do alumnado e profesorado de bacharelato contribuíu a reforzar a preparación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras na comunicación dos avances do seu traballo a audiencias con diferentes niveis de formación e bagaxes culturais”, destaca Ana María Rodríguez.