DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres clausurouse una nova edición do curso centrado nesta temática

Unha vintena de estudantes rematan a súa formación en intervención socioeducativa con persoas afectadas de alzhéimer

Trátase dunha iniciativa da asociación Afaor e a Fundación Dorzán co apoio da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cursos
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/06/2023

Cada curso académico, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle a celebración dun curso centrado na intervención socioeducativa con persoas afectadas de alzhéimer, unha iniciativa da Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) que conta co apoio da Fundación Dorzán e a Universidade de Vigo. Este venres, pechouse unha nova edición desta iniciativa formativa (que nesta ocasión levou por título Introdución á doenza de alzhéimer e doenzas similares) e que ten como finalidade última mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por este trastorno neurolóxico progresivo, caracterizado pola perda da memoria, da percepción e do sentido da orientación e que, polas súas características, non só padecen as persoas afectadas senón tamén a súa contorna, especialmente as familias.

Na clausura desta edición e entrega de diplomas participaron Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; Juan Ramón Álvarez, presidente da Fundación Dorzán, e Sara Ruíz, vicepresidenta de Afaor. Os representantes das tres institucións amosaron a súa satisfacción polo desenvolvemento cada curso académico desta actividade formativa e amosaron o seu desexo de darlle continuidade o vindeiro ano, tanto pola boa acollida por parte do alumnado como pola calidade e utilidade da formación impartida.

Unha vintena de estudantes participaron nesta formación especializada nun eido especialmente importante para Ourense e Galicia, que destacan polo envellecemento da súa poboación, tal e como se destacou no peche da actividade. O curso desenvolveuse cada venres dos últimos meses. As persoas inscritas adquiriron coñecementos sobre a enfermidade de alzhéimer e demencias similares, sobre os tratamentos farmacolóxicos, os recursos institucionais, o tratamento legal, o papel das familias nestas enfermidades ou a bioética. Especialistas en cada unha das materias foron os encargados de impartir a docencia de 40 horas do curso, docencia que logo se complementou coa realización de 20 horas de prácticas titorizadas por Afaor.