DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto transfronteirizo NovaTFE

Unha vintena de persoas fórmanse no campus en 'design thinking' e fabricación dixital

A actividade ten lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática, socia da iniciativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 09/09/2022

O proxecto NovaTFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) aposta por fomentar novos modelos de negocio arredor das tecnoloxías facilitadoras esenciais, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TICs (fábrica 4.0, Internet das cousas e cidades intelixentes). No marco da súa programación, desde o pasado día 5 e ata o 15 de setembro desenvólvese na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, socia do proxecto, un programa formativo no que unha vintena de persoas adquiren coñecementos sobre design thinking e fabricación dixital.

En NovaTFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O orzamento total deste proxecto de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Interreg Poctep alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento Feder, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional.

Dentro da programación de NovaTFE está o desenvolvemento do proxecto formativo Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais. Design Thinking e Fabricación Dixital, organizado e financiado pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. A iniciativa, indican desde a súa organización, xorde co obxectivo de fomentar a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e o achegamento ás novas tecnoloxías facilitadoras no eido da fabricación dixital. Especialmente dirixido a persoal de pemes e a emprendedoras e emprendedores, a actividade “propón unha visión empresarial e industrial dos procesos de innovación encadrados na metodoloxía design thinking e das aplicacións de tecnoloxías como a impresión 3D, o escanado ou a mecanización CNC”. A actividade no campus de Ourense, que consta de 50 horas de formación presencial e é gratuíta, dá continuidade a outra celebrada o pasado mes de agosto no Laboratorio de Experimentación e Prototipado NovaTFE do Salnés, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Dous bloques de contidos

O programa formativo que ten lugar estas dúas semanas en Ourense, xestionado pola empresa Captioma, está dividido en dous bloques, impartidos por especialistas en cada área desde una perspectiva principalmente práctica e experimental. A idea, sinalan desde a organización, é tratar todos os contidos desde un punto de vista tamén empresarial, por parte de persoas experimentadas e que traballan día a día aplicando as metodoloxías e tecnoloxías abordadas nas sesións. O primeiro bloque céntrase no design thinking e desenvolveuse ao longo desta semana. Nas sesións abordáronse aspectos como a creatividade e a innovación; as tecnoloxías de fabricación dixital para innovar; o design thinking; o story telling e o testeo e prototipado. O segundo bloque, que se desenvolverá ao longo da semana do 12 de setembro, centrarase pola súa banda na fabricación dixital, afondando concretamente na fabricación aditiva; o mecanizado e CNC e casos de uso industrial das tecnoloxías propostas.

As e os formadores que participan nas sesións son especialistas que proveñen de diversos puntos de Galicia e do territorio peninsular e que desenvolven a súa actividade especializada en contextos industriais onde se implementan estes procedementos e tecnoloxías. Pola súa banda, a vintena de persoas inscritas, explica Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, é diverso en idades, formacións e ocupacións, abranguendo desde estudantes ou persoas emprendedoras ata persoal de empresas do eido da innovación.