DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A terceira ‘Érték Conference’ desenvólvese do luns ao xoves en CCSS e da Comunicación

Unha vintena de profesionais do márketing e a publicidade reúnense nun ciclo impulsado polo alumnado

13 conferencias e dúas mesas redondas integran o programa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/11/2021

Complementar a formación do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación achegándolle as experiencias dunha serie de profesionais do márketing, a publicidade e a comunicación. Con ese obxectivo, un grupo de estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas puxo en marcha en 2019 a Érték Conference, un ciclo de relatorios e mesas de debate que entre o vindeiro luns 15 e o xoves 18 desenvolverá na facultade a súa terceira edición. Unha vintena de profesionais tomarán parte nas 13 conferencias e dúas mesas redondas que integran o programa dun evento que recupera neste 2021 o seu carácter presencial, despois de que a pandemia obrigase a levalo a cabo de xeito virtual o pasado curso. 

“Desde o principio, a idea de Érték era achegar un pouco á facultade a cultura do emprendemento”, sinala Sara Piñeiro, coordinadora dun evento organizado por 13 estudantes, tanto de Publicidade e RRPP como, por primeira vez, do Grao en Comunicación Audiovisual, que se encargarán da gravación das conferencias. Financiada pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, esta terceira Érték Conference desenvolverase entre o luns e o xoves en horario de mañá, con entrada gratuíta, sendo precisa, por cuestións de aforo, unha inscrición previa a través da plataforma Evenbrite. Márketing, comunicación e emprendemento son os tres eixos dun programa que nesta edición buscou pór o foco “no que podemos aprender de cara ao noso futuro laboral”, sinala Piñeiro. Nese senso, a maior parte das conferencias teñen “un enfoque moi profesional, con consellos novidades e tendencias”, ás que se suman tamén outras máis centradas nas traxectorias profesionais dos relatores, “nestes casos, co fin de guiar ao alumnado na súa saída da universidade”.

Ademais do financiamento da facultade, a Érték Conference conta tamén co apoio dunha serie de empresas, con Raiola Networks como “patrocinador diamante”; Bizum, Root Café e Sibuya como “patrocinadores ouro”; Gadis, como prata, e a colaboración de Cooltabs Daveiga e Metricool.

O ámbito local, eixo da primeira xornada

Este ciclo celebra o luns ás 10.20 horas a súa inauguración, complementada pola actuación musical do grupo Galirockers. Esta xornada, como sinala Piñeiro, “enfocarase máis a unha contorna local, ao comercio, a hostalería, a cultura..., que era un tema que non adoitabamos tocar”. Farao cunha mesa que reunirá aos responsables do negocio de hostalería vigués Puro Delirio, do espazo cultural O Sanatorio, de Pontevedra, e da “iniciativa de micros abertos” Black Hole. “En primeiro lugar contextualizaremos un pouco os seus proxectos e tocaremos o tema do emprendemento”, para, a partir de aí, explica Piñeiro, pór o foco “na organización de eventos locais”, a súa comunicación e a “atracción do público obxectivo”. A continuación, Xiana Vidal, da axencia Trend, impartirá unha conferencia sobre “algoritmos de Instagram e outros inimigos” da comunicación en redes sociais, pechándose a xornada cun relatorio de Xoel Vázquez, responsable de Xoia Extending Reality.

O martes abrirase cun coloquio con Samuel L. París, estratego de medios sociais na axencia Nasas, tras o que intervirán Antía Muíños e Vanesa Rodríguez, fundadoras da firma de moda Vana Brand. Esta xornada complétase coas conferencias de Adrián Martínez, xestor de proxectos internacionais de Puig Fundador e director de DAC Official, e da socia fundadora de Trisquelia Comunicación Vanesa López.

Do videomárketing á creación de contidos en redes

Un coloquio sobre videomárketing a cargo de Jairo Aldana abrirá o programa do mércores, e tras este terá lugar a conferencia ¿Y ahora qué? De la universidad al trabajo en agencias, de Tania Broullón, xestora de social media en Icon. A continuación a xerente do centro comercial Travesía de Vigo, Ángelica Falagán, impartirá un relatorio sobre márketing, pechando a xornada Juan Hernando, fundador e director de Vertixe Labs, cunha conferencia sobre como mellorar a “experiencia de usuario” nos proxectos dixitais.

Por último, a xornada do xoves arrancará coa intervención de Patricia Rincón, planificadora de medios en Avante Evolumedia, seguida por un coloquio cos responsables do Rompetiño Jump Festival, Luis Pazos e Francisco Alvite. Nesta xornada terá lugar tamén unha mesa sobre a creación de contidos en plataformas como Twitch, na que participan Terra de Gales, A Bancada e Palermo41 e que buscará tamén afondar na construción “dunha marca persoal, desde cero, como creadores de contido en redes sociais”, apunta Piñeiro. Por último, a conferencia Creativos explotadores a la búsqueda de BIG ideas, de Myriam Filgueira, directora creativa en Imaxe Intermedia, precederá ao acto de clausura desta Érték Conference.