DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con este lema a UVigo súmase ás reivindicacións deste 25N

Ante a violencia machista, mirada á fronte e que a vergoña mude de bando

O acto institucional terá lugar en Ourense e nel porase o foco na dixitalización da prostitución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 18/11/2024

O 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, está próximo e a Universidade de Vigo únese un ano máis ás súas reivindicacións. Atendendo á actualidade neste eido, nesta ocasión faino escollendo como lema Mirada á fronte: que a vergoña mude de bando e pondo o foco na translación da violencia machista ao ámbito dixital. O acto institucional da UVigo terá lugar o luns 25, na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, coa celebración da xornada Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización.

Respecto ao lema elixido neste 25N, desde a Unidade de Igualdade da UVigo lembran que a ‘cultura da violación’ existente na nosa sociedade “determina que tipo de violencias sexuais son agresións, o perfil de quen agride e como actúa e como esperamos que se comporte a vítima antes, durante e despois dos feitos, o que inclúe a denuncia”. Esta fórmula, sinalan, “ademais de naturalizar a violencia contra as mulleres, invisibiliza e desacredita todo o que se afasta deses mitos da violencia sexual”. Segundo comentan desde a citada unidade, este discurso nesgado, “reproduce de forma continuada unha imaxe deformada que está a desmontar voces como as de Nevenka Fernández, Vanessa Springora ou Gisèle Pelicot”. Cada unha delas, subliñan, “foi quen de vincular a súa experiencia individual cunhas estruturas culturais, institucionais e sociais que fan posible que a violencia sexual exista. E, desta forma, contribuír, como di Cristina Fallarás, a construír, por acumulación, un relato común da memoria colectiva da violencia contra as mulleres”.

Patriarcado 2.0

O outro gran foco deste 25N na UVigo é a translación da violencia machista ao mundo dixital. Desde a Unidade de Igualdade sinalan que nos últimos tempos, as expresións de violencia machistas están a trasladarse ao ámbito dixital, ampliando as formas nas que se manifesta facilitada pola tecnoloxía. “A denominada pornificación da cultura atravesa os produtos mainstream das industrias culturais e os contidos nas redes e nas plataformas dixitais, normalizando a mercantilización dos corpos femininos”, advirten. O patriarcado 2.0, denuncian, espállase mediante contidos sexistas, misóxinos e de ciberviolencia, onde a ‘monetización da misoxinia’ está a converter as novas modalidades de explotación sexual nun negocio lucrativo. “Así, perpetúanse as desigualdades de xénero, que atentan contra os dereitos fundamentais das mulleres”, afirman desde a unidade.

Para abordar esta temática, a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense acollerá o 25 de novembro a xornada Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización. O evento está organizado polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade e conta con financiamento da Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia. A cita ten como responsables académicas a María Lameiras e Yolanda Rodríguez e a ela asistirán, entre outros, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. A xornada arrancará cunha conferencia sobre a explotación sexual das mulleres no universo dixital, a cargo de Ana de Miguel (Universidad Rey Juan Carlos) e outra sobre a pornificación da cultura no universo dixital, con Isabel Menéndez (Universidad de Burgos). Completará a programación os relatorios Puteros: Homes, masculinidades e prostitución, de Beatriz Ranea (Universidad Complutense de Madrid) e Pornografía e prostitución dixital, de Luis Ballester (Universitat de les Illes Balears).

A programación continuará o día 27, cunha conferencia sobre a ficción do consentimento sexual, de Rosa Cobo (Universidade da Coruña e presidenta da Rede Académica Internacional de Estudos sobre Prostitución e Pornografía) e a inauguración da exposición Compartir es vivir/sharing is living. Compromiso- educación-transformación. Tamén haberá unha mesa redonda sobre o negocio do sexo nos novos espazos dixitais: Onlyfans e Sugar Daddy, na que participarán a Federación de Mulleres Xóvenes e a Asociación Faraxa. Completa esta sesión a conferencia O ser e a mercancía no universo dixital, da xornalista, escritora e activista Kajsa Ekis Ekman, e a entrega de premios do concurso de vídeos Desconecta: tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e as nenas.

Alén deste acto institucional, diferentes facultades e escolas da UVigo organizan co gallo deste 25N diversas actividades. Igualmente a institución académica únese ao manifesto feito pola Rede de Unidades de Igualade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria (RUIGEU).