DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o estado de alarma, presentáronse na UVigo máis de 40 teses por videoconferencia

A virtualidade gaña presenza na defensa das teses de doutoramento

En xullo, recuperáronse os actos presenciais, aínda que seguen predominando os virtuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 20/10/2020

Cando, o pasado mes de marzo, a crise xerada pola covid-19 obrigou á suspensión da actividade docente presencial, oito futuros doutores e doutoras pola Universidade de Vigo tiñan fixada xa a data para a defensa da súa tese. Mais a crise sanitaria e o confinamento non impediron que o alumnado de terceiro ciclo presentara nos últimos meses os resultados de anos de investigación. O establecemento dun protocolo de actuación para defensa en liña das teses, sumada á modificación do regulamento para facer posible a participación por videoconferencia dos membros dos tribunais permitiu que as defensas se retomasen, a través de Campus Remoto, no propio mes de marzo. Desde entón, un total de 43 novos doutores e doutoras defenderon por medios telemáticos ás súas investigacións, aos que hai que sumar outros 11 que, a partires de xullo, realizaron as súas defensas de xeito presencial. 

Trala modificación do regulamento, aprobada en marzo polo Consello de Goberno, entre marzo e xullo defendéronse na Universidade de Vigo un total de 26 teses por videoconferencia. “Temos a percepción de que tanto tribunais como os doutorandos estiveron cómodos con este sistema, aínda que fose por facer da necesidade virtude”, salienta o director da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO), Antonio Pino. Finalizado o estado de alarma, explica, aprobouse un “procedemento extraordinario de defensa, no que se daba a posibilidade de ter defensa online ou presencial e se establecía o protocolo aplicable en cada caso”, aínda que, naquel momento, “considerouse que era prudente dar preferencia ao sistema online, e os acontecementos demostraron o apropiado desta decisión”. O procedemento que permite a defensa virtual continuará vixente ata finais de ano, “con compromiso de revisión por se fose aconsellable prolongar a situación”, explica García Pino, e nestas primeiras semanas de curso presentáronse xa once novas teses de xeito virtual e outras cinco de forma presencial.

O paso á virtualidade

Xa antes da declaración do estado de alarma, lembra Pino García, “tivemos algún caso no que había membros de tribunais, en concreto de Italia, que tiñan problemas para viaxar”, o que motivou que se solicitase “unha flexibilización do regulamento” que permitise as intervencións por videoconferencia. Xa coa declaración do estado de alarma, procedeuse á articulación de varias salas virtuais no Campus Remoto para a defensa de teses, nas que, como lembra García Pino, era preciso preservar, aínda que fose de xeito virtual, “o seu carácter de sesión pública”. Así, o 24 de marzo defendeuse por primeira vez na Universidade de Vigo unha tese por videoconferencia, ás que se sumaron outras cinco nos días seguintes. 

Despois diso, só se defenderían tres teses máis en de abril e maio, posto que o estado de alarma trouxo consigo a suspensión dos prazos administrativos, entre eles, o da exposición pública previa á defensa. Isto “impedía con carácter xeral propor a defensa doutras teses” e de feito foi precisa unha resolución reitoral que permitise “demostrar un prexuízo manifesto” para o caso concreto destas tres teses, que xa tiñan os prazos de exposición cumpridos. Será xa a partir do 1 de xuño, cando se “reactive” a presentación de teses que viran interrompida a súa exposición pública, de tal xeito que, entre xuño e xullo, levaríanse a cabo 23 novas defensas. 

Retorna a defensa presencial, pero mantense a virtual

Rematado o estado alarma, o 25 de xuño aprobouse “procedemento extraordinario de defensa, no que se daba a posibilidade de ter defensa online ou presencial e se establecía o protocolo aplicable en cada caso”, apunta Pino. Isto fixo posible a autorización de novo de actos presenciais, que requirían, sinala, do “acordo entre todas as partes e, especialmente, unha conformidade do tribunal para desprazarse”, así como a autorización por parte dos decanatos e direccións do centros á celebración duns actos que, “preservando todas as medidas de distanciamento, seguridade e hixiene necesarias”, debían preservar o seu carácter público. De feito, no mes de xullo defendéronse seis teses de xeito presencial, ás que se suman outras cinco nestas primeiras semanas de curso.

A día de hoxe, recoñece Pino García “persisten as dificultades” referidas ao desprazamento dos membros do tribunal, que fan necesario manter, “cando menos ata finais de ano”, a vía da presentación virtual. “É verdade que pódese perder algo dos aspectos formais e tradicionais presentes na ‘liturxia’ dun acto de defensa”, recoñece o director da EIDO, que á vez que subliña que “se ben deben persistir as defensas presenciais”, flexibilizar “un pouco máis a participación por videoconferencia” implica tamén vantaxes tanto no referido á “axilidade” á hora de organizar os actos como na de contar nestes con “especialistas que non sempre están dispostos a participar nos tribunais de forma presencial”. 

Só diante da pantalla

O 24 de marzo, o investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética Sergio Chapela converteuse no primeiro en defender a súa tese de xeito virtual na Universidade. “Tiña que presentala antes de abril para poder gozar dun ano posdoutoral, polo que optouse por seguir adiante ca defensa”, salienta o xa doutor. O cambio, lembra, supúxolle “estar completamente só, diante da pantalla co tribunal, nada máis”, xa que “procurouse manter a formalidade do acto oficial”. Nese senso, Chapela recoñece que “pérdese un pouco a comunicación non verbal, polo que hai que cambiar un pouco a forma de presentar”, o que sumado ao “risco de perder a atención ou resultar aburrido”, levouno a “engadir bastante contido visual” á presentación. 

Dirixida polo profesor da Escola de Enxeñería Industrial Jacobo Porteiro e polo catedrático José Luis Míguez, a tese Modelado y simulación CFD de mecanismos de ensuciamiento y deposición de partículas en combustión de biomasa recolle o desenvolvemento dun “modelo numérico para a predición da deposición de materia non desexada nas instalacións de combustión de biomasa”, así como do seu “impacto sobre a eficiencia” das caldeiras. A presenza desta materia resultado da combustión, explica, pode provocar, especialmente no caso de “biomasas de baixa calidade”, que a eficiencia das caldeiras“caia abruptamente”, fronte á que a súa tese, cualificada cun sobresaínte cum laude, presenta unha “ferramenta vital” tanto para o deseño das instalacións como da adaptación das existentes á biomasa. 

“Total normalidade”

No mes de xullo, a investigadora do grupo Síntese, Estrutura e Simulación (S3) Fátima Garrido foi unha das primeiras en realizar de novo unha defensa presencial da súa tese. “A verdade é que todo discorreu con normalidade, dentro das medidas necesarias para garantir a seguridade dos asistentes”, recoñece a investigadora, para quen a experiencia vivida na Facultade de Química “foi moi boa”. O único “inconveniente” foi a obrigada redución de aforo, “pola que non puideron asistir todas as persoas que quererían”, recoñece Garrido, que sinala que “sempre imaxinei a miña defensa desta maneira e seguindo as normas de seguridade, non me parecía unha mala opción”.

Dirixida polos catedráticos Yagamare Fall e María Generosa Gómez, a súa tese Síntesis de oxaciclos y polioxacidos quirales de 5,6 o 7 eslabones: aproximación a la síntesis de toxinas marinas, recoñecida cun sobresaínte cum laude “englóbase na síntese orgánica enantioselectiva”, explica. O obxectivo da súa investigación “era a síntese total de varios produtos naturais con interese químico e posible actividade biolóxica”, tendo como resultados o deseño e posta a punto de “diversas rutas sintéticas para a obtención de cinco produtos naturais”, á vez que abrangue tamén “a aproximación a síntese doutro e dunha toxina mariña”.