Reuníronse coa vicerreitora de Investigación e con persoal investigador de distintos ámbitos
Visita ao campus dunha delegación de científicas e científicos españois que traballan no estranxeiro
A iniciativa forma parte do acordo de colaboración entre a Xunta e a rede RAICEX
Tras pasar por Santiago de Compostela e A Coruña, este venres visitou a Universidade de Vigo unha delegación de investigadoras e investigadores de varias das asociacións integrantes de RAICEX, a Rede de Asociacións de Investigadores e Científicos Españois no Exterior. Encargouse de darlles a benvida a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, nunha pequena xuntanza organizada para eles desde a Oficina de Proxectos Internacionais na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero, na que se lles explicou, a grandes liñas, as principais capacidades e fortalezas da UVigo en temas de investigación.
Esta visita enmárcase no acordo de colaboración que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantén con RAICEX e forman parte da campaña de difusión internacional, impulsada desde a propia consellería, sobre as capacidades e oportunidades que Galicia ofrece ao persoal investigador co obxectivo de promover o retorno do persoal investigador galego no exterior e atraer talento científico internacional para que poida desenvolver aquí a súa carreira.
Neste contexto, nos últimos tres anos representantes da I+D+i galega participaron nunha ducia de eventos das asociacións de científicos do Reino Unido, Francia, Alemaña, Bélxica, Suecia e Dinamarca, entre outros países. Nesta ocasión a visita prodúcese en sentido inverso, son eles e elas as que veñen a Galicia, onde ao longo de tres días puideron coñecer en profundidade o ecosistema galego de I+D+i, e manter reunións de traballo con colegas galegos, coa idea de que estas xuntanzas poidan derivar en proxectos científicos conxuntos.
Procedentes de países nórdicos e bálticos
Tal e como se explicou durante o encontro en Vigo, búscase que todos os participantes leven de unha imaxe o máis completa e positiva posible da I+D+i que se fai en Galicia, para que poidan difundila e promovela nos ámbitos científicos nos que traballan. Nesta ocasión, a delegación está integrada por investigadores españois que traballan en Noruega, Suecia, Dinamarca, Finlandia, Lituania e Letonia, así como por representantes das asociacións RAICEX destes países, que actúan como “embaixadores” para fortalecer a conexión entre os ecosistemas científicos galego e europeo.
Entre os visitantes, dous egresados da propia UVigo: Roberto Leiras González, ex-alumno da Facultade de Bioloxía e hoxe profesor asistente en Neurociencia na Universidade de Copenhague, e María Fernández Míguez, doutora en Xenética pola Universidade de Vigo, e investigadora posdoutoral na Universidade de Bergen, en Noruega, onde traballa en diferentes eidos relacionados coa toxicoloxía mariña.
Xunto a eles completaron a delegación os científicos Antonio García Moyano, investigador senior en NORCE Norwegian Research Centre como experto en biotecnoloxía mariña, e Antonio J. Capezza, investigador principal no KTH Royal Institute of Technology (Suecia), onde investiga sobre novos materiais biohíbridos e valorización de residuos. Como representantes de RAICEX acudiron Carlos Viscasillas, representante de ACE Baltic e investigador del ITPA, Universidad de Vilnius (Lituania) e Alberto Valero-García, biólogo, investigador posdoutoral na Universidadede Oslo.
Visitas ao CINBIO, Cintecx, CIM…
Durante a súa estancia na UVigo, ademais da xuntanza coa vicerreitora de Investigación e co persoal da OPI, tiveron tamén a oportunidade de manter reunións, segundo os intereses de cada un deles, con investigadores das facultades de Química e Bioloxía; do Centro de Investigación Mariña (CIM); do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) ou do Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), así como do centro tecnolóxico ANFACO, entre outros.
Xa pola tarde, haberá unha visita conxunta á Estación das Ciencias Mariñas, Ecimat, de Toralla.
