Enrique García-Chamón Cervera participou nun seminario en Ciencias Xurídicas e do Traballo
Visita ao campus do presidente do Tribunal de Marcas da Unión Europea
Analizou a reforma que acaba de entrar en vigor en materia de deseños industriais
O presidente do Tribunal de Marcas e Deseño da Unión Europea, Enrique García-Chamón Cervera, visitou este venres o campus de Vigo para participar na IV edición do seminario José Antonio Gómez Segade sobre Dereito da Competencia e da Propiedade Industrial, unha cita coorganizada polas tres universidades públicas galegas e que, nesta ocasión, se dedicou á análise da reforma europea en materia de deseño industrial.
Tras máis de 20 anos á fronte do Tribunal de Marcas da UE, Enrique García-Chamón exerce tamén como presidente da Sección Octava da Audiencia Provincial de Alacante, cidade na que o organismo europeo que el preside ten instalada a súa sede. Como docente é profesor asociado no Departamento de Dereito Civil da Universidade de Alacante e o seu labor doutrinal reflíctese en preto de medio cento de artigos publicados en revistas xurídicas e na súa participación en máis de 280 xornadas, congresos e mesas redondas.
Procesos máis simples para obter deseños con valor en toda Europa
O presidente do Tribunal de Marcas compartiu palestra co profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela, José Antonio Gómez Segade, a quen se dedica este seminario. Nesta edición, o obxectivo do encontro era analizar a reforma europea do deseño industrial; un proceso que comezou en 2016 e tivo varios retrasos pero que, finalmente, concluíu en 2024 cun cambio dos instrumentos normativos europeos que regulan a materia e cuxa entrada en vigor se produciu o pasado 1 de maio. “Esta reforma implicou simplificar os procesos para obter deseños industriais que teñan valor e unidade en toda Europa, e orientar os deseños cara aos mundos virtuais como metaversos, videoxogos e contornas similares nas que xa están moi presentes”, explicou a profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Sara Louredo, encargada de moderar o debate.
Participación de docentes das tres universidades
O evento levouse a cabo na Facultade Ciencias Xurídicas e do Traballo e contou coa participación de múltiples docentes das tres universidades. “A nosa área, Dereito Mercantil, é herdeira da Escola Industrialista de Santiago e esta iniciativa xurdiu vencellada ás universidades de Coruña e Santiago”, explica Louredo. “A idea é que sexa un foro de formación para docentes, un xeito de reunirnos e discutir sobre temas de actualidade e interese para a nosa disciplina”, recalcou a docente.