En colaboración coa ludoteca inclusiva da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral
Visita ao CINBIO das rapazas e rapaces do campamento de verán de Apamp
Participaron en diferentes experimentos sensoriais da man de tres das científicas do centro
Hai aproximadamente un ano, un grupo de científicas do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, achegábase ata as instalacións da ludoteca inclusiva da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (Apamp) de Vigo para coñecer en primeira persoa á cativada que estaba a gozar do seu campamento de verán e compartir con todas e todos eles unha mañá diferente, na que o obxectivo fundamental era descubrir a ciencia dun xeito divertido e inclusivo.
A experiencia foi tan enriquecedora que esta semana foron as e os usuarios do campamento de Apamp os que visitaron o CINBIO para participar nunha xornada distinta, chea de ilusión e de ciencia, divertida e inclusiva. Acompañados polas monitoras desta ludoteca visitaron o centro un total de 13 de rapaces e rapazas, de entre 12 e 21 anos.
Divididos en dous equipos, participaron en experimentos sensoriais organizados polas científicas Nuria Estévez, do grupo de Filoxenómica; Silvia Lorenzo, do grupo de Inmunoloxía, e Mercedes Peleteiro, responsable do Servizo de Citometría. Seguindo as súas explicacións, achegáronse á identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón, e mesmo realizaron a extracción de ADN a partir de mostras de plátano. “Valoramos moi positivamente experiencias coma esta, nas que todas as persoas implicadas aprendemos algo novo e positivo”, afirma o equipo do CINBIO, que agarda poder seguir achegando a ciencia a todo tipo de públicos.