DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un recoñecido especialista en Literatura española da Idade Media e do Século de Ouro

Visita do profesor italiano Antonio Gargano á Facultade de Filoloxía e Tradución

Impartiu unha conferencia na que afondou no personaxe de Dulcinea del Toboso

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Visitas
  • Académica
D. Besadío DUVI 13/02/2019

É un dos máis prestixiosos especialistas en literatura española da Idade Media e do Século de Ouro, autor de máis de 150 publicacións. Falamos do investigador italiano Antonio Gargano, profesor da Universidade Federico II de Nápoles, que este mércores visitou a Facultade de Filoloxía e Tradución para impartir a conferencia Dios sabe si hay o no Dulcinea en el mundo: amor y conocimiento en el Quijote, unha intervención na que achegou ao público numerosas curiosidades sobre a famosa Dulcinea del Toboso, personaxe ficticio da novela El ingenioso hidalgo don Quijote de la Mancha, de Miguel de Cervantes.

Convidado polo Programa de doutoramento interuniversitario de Estudos Literarios e o Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura, Gargano achegou ao público asistente numerosas curiosidades da figura de Dulcinea del Toboso, personaxe inspirado na campesiña Aldonza Lorenzo. “Dulcinea del Toboso, figura puramente imaxinaria, foi construída por Don Quijote segundo o patrón dos personaxes das heroínas das novelas de cabalerías e erixida en obxecto de amor como señora dos seus pensamentos, pero non por iso a súa natureza imaxinaria carece dunha sólida relación coa realidade efectual”, explicou o prestixio investigador, ao que engadiu que “Dulcinea ten a súa correspondente nunha persoa real, unha campesiña de bo ver dotada dunha precisa identidade, cun nome e un apelido, Aldonza Lorenzo, e procedente dun lugar non afastado do cabaleiro, Toboso, que, nun determinado momento exercera sobre el unha certa atracción nunca expresada ou, cando menos, sen ningún resultado práctico”, recalcou o experto.

Afondando no contraste entre a dama e a campesiña

Presentado polo profesor Manuel Ángel Candelas Colodrón, Gargano lembrou tamén a pasaxe de cando Don Quijote “ao facerse cabaleiro andante deuse a entender que non lle faltaba outra cousa máis que buscar unha dama de quen namorarse e con tal fin decide conceder o nome da súa elixida a unha moza labradora de moi bo parecer que vivía nun lugar preto do seu e da que xa estivera namorado un tempo,  aínda que ela nunca o tivera sabido ou, simplemente, nunca lle fixera caso. “Buscándolle un nome, que non fose moi diferente do seu, e que se encamiñase ao de princesa e gran señora, veu a bautizala como Dulcinea del Toboso, nome ao seu parecer músico e peregrino, á vez que significativo como todas as demais cousas ás que el mesmo lle puxo nome”, apuntou o investigador.

Salpicando a súa intervención con curiosidades como que Dulcinea del Toboso tivo a mellor man para salgar porcos de todo o Toboso, Gargano insistiu en como o lector da novela de Cervantes pode achegarse en múltiples ocasións ao contraste entre a dama e a campesiña, “afondando na correspondencia entre criatura feminina real e a figura imaxinaria ou fantasma como obxecto de amor que constituíra o núcleo dunha concepción erótica tan seria que nutrira xa toda a tradición literaria medieval ata a extrema ata as propias novelas de cabalerías cuxa intensa e prolongada lectura era a fonte da loucura do fidalgo Alonso Quijano”.