DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor informa do éxito “sen precedentes” na convocatoria de axudas de adquisición ao equipamento

Visto bo definitivo do Claustro ao proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo

Ponse en marcha unha comisión que traballará na mellora do programa Docentia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/10/2018

O Claustro deu este xoves o visto e bo definitivo ao proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo coa aprobación por asentimento da adaptación deste documento ao informe de legalidade emitido pola Xunta de Galicia, polo que agora só queda pendente a aprobación definitiva polo Consello da Xunta e a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, cuestión á que que se procederá en vindeiras datas. Foi un dos puntos máis destacados dunha sesión do Claustro que estivo protagonizada polo debate sobre os cambios que se tratarán de pór en marcha para mellorar o programa Docentia de avaliación da actividade docente do profesorado universitario e na que o reitor tamén aproveitou para informar sobre diferentes temas, entre eles, o inicio de negociacións para a posta en marcha dun grao dual en colaboración co tecido empresarial e do éxito “sen precedentes” da Universidade de Vigo na convocatoria de Adquisición de Equipamento Científico-Técnico de 2018 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Máis de 5 millóns de euros para adquisición de equipamento 

Esta convocatoria do ministerio deixa, segundo expuxo o reitor, Manuel J. Reigosa, datos máis ca positivos para a institución académica viguesa, xa que establece a concesión de axudas por un importe superior aos 5,7 millóns de euros. “Hai 19 axudas aprobadas, moi ben repartidas, con solicitudes concedidas en atlanTTic, Cinbio,  Cacti, MTI, CITI ou, por exemplo, no Laboratorio de Cognición e Linguaxe, un caso que nos alegra especialmente porque neste ámbito normalmente nin sequera se pide este tipo de axudas”, subliñou o reitor, quen adiantou que, se ben a resolución aínda non é definitiva –está en período de alegacións- desde a Universidade están xa a negociar coa Xunta de Galicia para que tamén se implique nesta convocatoria. Neste sentido o reitor vigués explicou que “o ministerio financia o 80% do total do custe de cada equipamento e a nosa idea é lograr que a Xunta se comprometa co 20% restante”.

Tamén respecto aos últimos encontros mantidos con diferentes responsables do goberno galego o reitor salientou que se iniciaron xa as negociación para a posta en marcha dun grao dual en Galicia, que implicará ás empresas máis fortes do tecido económico da cidade. “É un tema moi novidoso no que o goberno galego está convencido das súas posibilidades e a nós  tamén nos parece moi importante”, salientou o reitor, ao que engadiu que a idea é crear un grao novo vinculado ás titulacións tecnolóxicas do campus de Vigo e que tería 60 créditos que se levarían a cabo nas empresas. “Hai varios candidatos para esta titulación pero entendemos que o tecido socioeconómico de Vigo nos abre distintas posibilidades e que, ademais, pode completar dalgún xeito o mapa de titulacións da Universidade de Vigo”. 

3 millóns para a remodelación do edificio Faraday

Con respecto aos asuntos relacionados coa remodelación e usos do edificio Faraday, o reitor informou que se iniciaron negociacións coa Consellería de Facenda e que agardan que en breve se produza a sinatura dun convenio polo que o goberno galego se comprometa á dotación de 3 millóns de euros para a reorganización deste edificio. “Este é un tema que para nós é de gran importancia porque vai ser un sinal de identidade e vainos permitir facer moitas cousas dentro do Campus do Mar”, recalcou Reigosa, quen non negou a existencia de “certos atrancos” desde o punto de vista da xestión dos planos sectoriais e as licenzas de obra.

Respecto ao novo Grao en Deseño e Creación que se prevé implantar no campus de Pontevedra, o reitor explicou no seu informe que, de acordo cos requisitos establecidos no seu momento, se decidira que a implantación destes estudos se faría retirando prazas da titulación de Belas Artes, algo que, a xuízo do novo equipo de goberno, non semella axeitado. “A titulación de Belas Artes está funcionando moi ben, de feito co actual límite de prazas todos os anos queda xente fóra, polo que non semella apropiado retirarlle 45 prazas para poder pór en marcha unha nova titulación”, subliñou Reigosa, ao que engadiu que “desde a consellería están abertos á negociación, negociación que, por suposto, está aberta ás tres universidades”. Nós, pola nosa banda, faremos todo o posible para que a nosa oferta se axuste o máis posible á demanda do estudantado”, recalcou o reitor, quen tamén deu conta de diferentes avances conseguidos nas negociacións sindicais e que responden a compromisos adquiridos ao longo da campaña electoral, cuestións que afectan a temas  como a recuperación do horario de verán para o persoal de administración e servizos ou melloras nos réximes retributivos para o persoal en situación de incapacidade temporal. 

Mellora do programa que avalía a actividade docente do profesorado

O Claustro foi tamén o lugar elixido para debater sobre como mellorar Docentia, o programa que naceu ao abeiro da implantación en España do Espazo Europeo da Educación Superior como unha ferramenta de avaliación coa que contribuír á mellora da calidade da docencia, pero que, co tempo, provocou certo rexeitamento entre o profesorado universitario polo elevado número de trámites burocráticos que obriga a realizar. “A nosa idea é racionalizar o número de indicadores e a información a achegar por parte do PDI, dos centros e dos departamentos”, explicou Joaquín Collazo, novo responsable da Área de Calidade da Universidade de Vigo, quen se encargou de facer unha presentación na que deu conta das principais liñas de traballo que se tratarán de pór en marcha.

 “A idea é deseñar unha ferramenta de avaliación que garanta a igualdade e a obxectividade na aplicación dos criterios de avaliación”, subliñou Collazo, que fixo tamén fincapé na necesidade de sistematizar as convocatorias do programa e acordar as consecuencias do resultados. “Temos que consensuar medidas para mellorar a acollida e o desenvolvemento do programa entre o PDI”, recalcou, ao tempo que informou sobre a posta en marcha dunha comisión de traballo, presidida polo secretario xeral, Miguel Ángel Michinel,  “o máis paritaria posible e na que se recollan todas as sensibilidades” que traballará “desde xa” na mellora do programa.

A maiores destes temas o Claustro deu tamén o seu visto e bo a pequenas modificacións nos regulamentos de réxime interno dos consellos de campus de Ourense e Pontevedra e, xa na quenda de rogos e preguntas, o reitor comprometeuse, entre outros temas, a seguir avanzando nas negociacións co Concello de Vigo para tratar de mellorar o sistema de transporte ao campus, demanda histórica do alumnado.