DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seguinte paso será a súa aprobación por parte do Consello da Xunta

Visto e prace do Consello Galego de Universidades ao cambio de nome de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pasará a denominarse Facultade de Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/12/2022

O pasado mes de marzo, Ciencias Sociais e da Comunicación iniciou os trámites para cambiar a súa denominación oficial á de Facultade de Comunicación, nun proceso ligado á creación da nova Facultade de Dirección e Xestión Pública. Despois de que a memoria na que solicitan este cambio de denominación recibise o visto e prace tanto do Claustro como do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, o Consello Galego de Universidades informou favorablemente esta semana respecto desta proposta, que deberá ser tamén aprobada polo Consello da Xunta e remitida ao Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RUCT).

A creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, ata entón dependentes de Ciencias Sociais e da Comunicación, fai que, como explicou a decana, Emma Torres, o centro pase a ser “unha facultade puramente de comunicación”, o que motivou o inicio deste proceso. “Parécenos que simplificar a súa denominación pode ser unha boa fórmula para manter un bo posicionamento como centro de referencia”, sinalaba Torres coincidindo coa aprobación desta solicitude na Xunta de Facultade. 

Esta memoria puña de relevo que o centro pasa a contar cunha “especifidade na oferta de títulos de comunicación que pode ser beneficiosa en termos de posicionamento e competitividade”, xa que a el adscríbense os graos en Publicidade e Relacións Publicas e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e o doutoramento en Comunicación, que se imparte xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución. Deste xeito, como sinalou Torres, a nova denominación contribuirá a que o centro “se posicione dun xeito claro no mercado” e reivindique “o carácter de exclusividade dos estudos que imparte na contorna”. 

Tras recibir o visto e prace dos órganos de goberno da Universidade, a proposta para modificar a denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, implantada en 2001 coincidindo coa posta en marcha dos estudos de Comunicación Audiovisual, obtivo esta semana o informe favorable, por unanimidade, do Consello Galego de Universidades. A proposta deberá así mesmo ser aprobada polo Consello da Xunta, publicada no DOG e remitida ao RUCT.