DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O labor das filósofas, artistas e comunicadoras centra varias das iniciativas impulsadas nos centros

Visualizar as achegas das mulleres e as desigualdades, eixes dos actos cos que o campus conmemora o 8M

Dirección e Xestión Pública promoveu a lectura dun manifesto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Pontevedra 08/03/2023

Reivindicar o papel, moitas veces invisibilizado, que as mulleres desenvolven en múltiples ámbitos da sociedade e pór o foco no camiño que aínda queda por percorrer ata acadar unha igualdade real e efectiva foron os propósitos dos diferentes actos que nesta xornada se desenvolveron no campus pontevedrés con motivo do Día Internacional da Muller. Neste 8M, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu un coloquio coa filósofa Carme Adán, centrado na webserie Sophias, que ten como obxectivo divulgar a figura e as ideas de mulleres filósofas ao longo da historia. Ao mesmo tempo, Dirección e Xestión Pública promovía a lectura dun manifesto que puña o foco na necesidade de facer fronte ás “importantes fendas” existentes para acadar unha igualdade real. Belas Artes, pola súa banda, impulsou a través da rede a iniciativa 8 mulleres para o 8M, coa que buscan dar visibilidade ás mulleres artistas, propósito central tamén da exposición Voilá la Femme, que reúne en Marín as obras de seis estudantes.

A esta serie de iniciativas sumarase a mesa Elas. As voces do sector, que a Facultade de Comunicación acolle este xoves 9 ás 12.00 horas. Organizada coa asociación de estudantes Freshysweet e moderado por Noelia Sanjurjo, esta mesa reunirá a Cristina García, directora de comunicación en Esmerarte; Sheila Patricia, de Xeitosa Producións, e á estudante Sara Piñeiro, fundadora do ciclo de conferencias Érték.

Pensadoras que mudan “o propio enfoque da filosofía”

Impulsada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Sophias é unha webserie que busca dar visibilidade, a través dunha linguaxe audiovisual contemporánea, ao pensamento de filósofas como Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Simone Weil, Judith Bulter ou María Xosé Agra. As posibilidades deste proxecto para levar á filosofía ás aulas e a propia importancia de recuperar ás mulleres filósofas foron o eixo do coloquio que a responsable deste proxecto, a profesora e exsecretaria xeral de Igualdade da Xunta Carme Adán, protagonizou en Ciencias da Educación e do Deporte. Nunha actividade promovida polas profesoras Rexina Vega e Cristina Caruncho, Adán puxo de relevo a necesidade de pór o foco en como “as mulleres filosofas contribuíron a crear pensamento e transformar a sociedade”. 

“Estiveron esquecidas e agora estamos nese proceso de recuperación, case que de restauración”, sinalou a tamén expresidenta da Aula Castelao de Filosofía, que incidiu na importancia de que incorporar á docencia as achegas destas pensadoras. “A presenza da filosofía feita por mulleres nas aulas é importantísima e non é soamente unha especie de apéndice, senón que transforma os contidos e o propio enfoque da filosofía”, salientou Adán. Incorporar ás súas achegas permite, á súa vez pór o foco “en cuestións da vida como a vulnerabilidade, a violencia, a maternidade....”, contribuíndo así a “transformar o marco filosófico de da realidade”. De aí que alén de presentar un proxecto que naceu tamén como obxectivo de servir como recurso didático, Adán incidise tamén na importancia da profesión docente como “transformadora da sociedade”. 

Tamén no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, esta facultade acollía o pasado sábado a xornada Escalada en Feminino, promovida polo club Aromon.

“Aínda quedan importantes fendas por erradicar”

No caso de Dirección e Xestión Pública, o espazo Ágora da facultade acolleu a lectura dun manifesto que o alumnado elaborou conxuntamente co profesorado e no que puñan de relevo que, se ben o 8M permite “celebrar e recoñecer os moitos logros e conquistas dos movementos feministas ao longo da historia”, o máis relevante desta data é que “convídanos a reflexionar sobre todas esas violencias e discriminacións que a día de hoxe seguen sufrindo as mulleres”. 

A declaración á que deu lectura a estudante Beatriz Felpeto salientaba nese senso os “avances” acadados nos últimos anos, “como a promulgación de leis que garanten os dereitos das mulleres, a paridade en certos órganos administrativos ou avances en materia de igualdade salarial”. Mais ao mesmo tempo, subliñaba tamén que “aínda quedan importantes fendas que só se poden erradicar co compromiso e o traballo colectivo”, como “a falta de corresponsabilidade, o teito de cristal, a ausencia dunha linguaxe inclusiva na administración pública, o déficit de mulleres en postos de responsabilidade e función directiva”, unha serie de retos que “debemos afrontar”, subliñou, desde o ámbito de estudo desta facultade, o sector público. 

Reivindicar ás artistas

Co obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller na arte contemporánea e de pór de manifesto “a capacidade de moitas artistas para facer fronte ao pensamento dominante”, a Facultade de Belas Artes deu inicio a unha nova edición da súa iniciativa 8 mulleres para o 8M. Ao longo de oito semanas, difundirá na súa web e redes sociais as obras das artistas seleccionadas por oito docentes, nunha proposta que arrancou nesta xornada deténdose no traballo da pintora estadounidense Lisa Yuskavage, da man do profesor Juan Carlos Román. 

Dar visibilidade ás creacións das artistas e pór de relevo a súa falta de representación nos museos foi así mesmo o obxectivo co que naceu, hai tres décadas, Voilá la Femme, unha exposición colectiva no Ateneo Santa Cecilia de Marín, que na noite deste xoves inauguraba a súa trixésima edición. Seis artistas formadas nesta facultade protagonizan unha mostra, comisariada pola artista e investigadora do grupo ES2 Celeste Garrido, que pode visitarse ata o 24 de marzo. Lidia Amado, Santi Almeida, Blanca Castro, Wédyla Rodrigues, Cristina Souto e Iria Pazos presentan nesta exposición un conxunto de obras que reflexionan sobre temáticas como o papel da muller no mundo da arte, as identidades de xénero ou a memoria.

Entre as propostas seleccionadas figuran nese senso obras como De musa a artista, coa que Iria Pazos busca “reivindicar o papel activo da muller no mundo da arte”, en contraposición á súa visión da muller como “musa” e “suxeito pasivo” ao longo da historia da arte. A través das representacións pictóricas e fotográficas de seres “axéneros”, a alumna Lidia Amado achega a esta exposición unha visión crítica respecto do "significado e importancia que a sociedade lle foi outorgando ao longo da historia a un concepto” como o xénero. Así mesmo, a “autopercepción do físico” e as “inseguridades respecto a outros corpos” constitúen o eixe da da peza audiovisual Narciso, de Blanca Castro e Santi Almedia, na que reflexionan sobre o peso que ten a “imaxe que reflectimos de nós mesmas” na propia identidade. A identidade é, así mesmo, unha das cuestións nas que Cristina Souto pon o foco nunha serie de colaxes e unha peza en vídeo, nas que emprega elementos do arquivo familiar, coa idea de afondar no “binomio” entre “memoria e esquecemento”. Por último, a graduada en Belas Artes e alumna do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Wédyla Rodrigues de Alcántara presenta un conxunto de pezas téxtiles que, baixo o título de Infamia, propoñen unha reflexión sobre “a situación de crise a todos os niveis” que sofre o seu país, Brasil.