DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora da UDC Iria Vázquez alertou no campus de que non se protexen os seus dereitos

As vítimas de violencia machista sofren tamén “violencia institucional”

Nunha conferencia enmarcada no ciclo ‘Unha mirada de xénero’

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/11/2018

As vítimas de violencia machista sofren tamén “violencia institucional, xa que non se protexen os seus dereitos como vítimas”, sostén a investigadora da Universidade da Coruña Iria Vázquez, que na tarde deste luns abordou na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte “os fallos e carencias” que en materia de asistencia ás vítimas existen tanto no ámbito dos servizos sociais, como no xudicial e no das forzas e corpos de seguridade. Fíxoo nunha conferencia titulada Todas as mulleres sofren violencia, enmarcada na cuarta edición do ciclo Unha mirada de xénero, que promove a profesora María Álvarez Lires co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade e na que a doutora en Socioloxía Vázquez Silva puxo sobre a mesa que “aínda queda un longo percorrido” para asegurar os dereitos das vítimas desta lacra social, que sofren nese senso unha “dobre vitimización”.

Vázquez Silva abriu o seu relatorio incidindo no concepto de violencia machista, ”aquela que sofre a muller polo feito de ser muller”, contrapoñendo esta “definición sociolóxica” coa legal, “moito máis restritiva”, xa que só fala da “violencia que recibe por parte da parella ou ex-parella, deixando moitos casos fóra”. Nese senso, a investigadora puxo o foco en como, segundo ao ONU, arredor do 35% das mulleres no mundo sofren violencia física ou sexual por parte dos varóns e en como “outras enquisas nacionais achegan porcentaxe aínda maiores”. 

Formación e recursos para unha maior protección

Partindo dese marco xeral, a investigadora centrou a súa conferencia na atención que reciben as vítimas en Galicia, á que Vázquez Silva se achegou tanto desde o punto de vista investigador como desde o tecido asociativo, tras ter traballado con vítimas de violencia machista coa Rede de Mulleres contra os Malos Tratos. Neste punto, a conferenciante abordou os “fallos e carencias” que provocan unha “vulneración dos dereitos das vítimas” en ámbitos como o xudicial, o policial ou os servizos sociais. “Nos xulgados, por exemplo, aínda se corre o risco se atoparse co agresor antes do xuízo”, salientou Vázquez, que apuntou como diferentes sedes xudiciais “non contan con salas de agarda diferenciadas e moitas nin sequera teñen un biombo para poder declarar”; mentres que os xulgados de violencia de xénero presentes nas cidades “si teñen salas de espera distintas, pero hai un mesmo corredor para acceder ao xulgado”. 

Por outra banda, Vázquez Silva incidiu na falta dun “acompañamento institucional ás mulleres vítimas” que en ocasións “séntense totalmente desamparadas” á hora de acudir ao xulgado ou presentar unha denuncia en comisaría. Nese mesmo senso, advertiu da “falta de persoal” como a “carencia máis importante” de servizos como os centros de información á muller, á vez que puxo o foco na necesidade dun “maior control sobre o agresor” e na falta dun “traballo específico” cos fillos e fillas, que xa teñen a consideración de vítimas desde o punto de vista legal, pero para os que non existe “aínda un persoal que realmente estea traballando dun xeito especializado con estes menores”.

Así mesmo, fixo “especial fincapé” na necesidade dunha “formación específica en igualdade e violencia de xénero para todos e todas as profesionais”, desde os e as traballadores sociais e o persoal sanitario, aos e ás profesionais en ámbitos como o policial eo xudicial. “Temos que ter en conta que na actualidade a formación é moi escasa ou nula”, sostivo a investigadora, que apuntou nese senso como as unidades especializadas das forzas e corpos de seguridade “teñen simplemente unha semana” de formación, mentres que os avogados ou avogadas da quenda de oficio “teñen dous días de especialización” neste ámbito. “A violencia institucional melloraríase con formación de verdade en xénero e igualdade e tamén coa creación de redes de acompañamento especializadas”, que permita tanto garantir que se están a cumprir os dereitos da vítima como realizar “un maior seguimento dos casos”, concluíu esta docente.

Unha mirada de xénero

 

A conferencia desta tarde daba continuidade á cuarta edición do ciclo que cada ano propón en Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de conferencias que abordan diferentes temáticas desde a perspectiva de xénero. O ciclo que coordina Álvarez Lires arrincou o pasado 25 de outubro, afondando na relación entre sustentabilidade e xénero, nun relatorio da antropóloga e educadora social Yayo Herrero, ex-presidenta da Fundación Fuhem Educación Ecosocial. Nesta conferencia, Herrero puxo o foco en como tanto a “mirada de xénero” como a “mirada da sustentabilidade ecolóxica” son necesarias nun contexto de “crise civilizatoria”, xa que, salientou, “estamos vivindo un momento no que a política e a economía global lle declararon á guerra a vida, estanse construíndo de costas ás bases materiais que permiten soster a vida humana”.