DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario venceu en todas as partidas do seu enfrontamento coa Escola Luguesa de Xadrez

Unha vitoria por 6-0 deixa ao EXP-Universidade de Vigo como líder en solitario

Tras este resultado sitúase dous puntos por riba dos seus rivais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 25/02/2019

Despois de que nas primeiras xornadas de competición na División de Honra da Liga Galega, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz amosase a súa mellor versión como visitante, o equipo universitario sumou esta fin de semana na Casa da Luz unha contundente vitoria por 6-0 no seu enfrontamento co conxunto da Escola Luguesa de Xadrez. Un resultado que permite ao equipo pontevedrés situarse como líder en solitario da competición autonómica, cun total de 19,5 puntos trala disputa das cinco primeiras roldas, dous máis que os seus máis inmediatos perseguidores, o equipo da USC e o Xadrez Ourense, que suman ambos 17,5 puntos.

Tan só o equipo ourensán, precisamente, foi capaza nas últimas tres tempadas de acadar un resultado como o colleitado esta fin de semana polo equipo universitario, un 6-0 fronte a un rival que, por outra banda, chegaba con boas sensacións a Pontevedra despois de acadar a vitoria fronte ao Xadrez Fontecarmoa, un dos equipos chamados a situarse na parte alta da clasificación. Nun enfrontamento no que o conxunto universitario daba descanso a Francisco Veiga e David García, a motivación e a precisión no xogo, “pero tamén un pouco de sorte”, como apunta o capitán, Pablo García, contribuíron a que o equipo local sumase seis vitorias en seis taboleiros. Na partida máis complexa, Alberto Portela lograba derrotar ao mestre FIDE Alejandro Tello, triunfo ao que se sumaron os de Víctor Miguel e Rubén Fernández “que non deron opción algunha aos seus respectivos rivais”. Daniel Rivera, pola súa banda, facía valer a súa experiencia para sumar unha nova vitoria nunha partida marcada polo tempo, mentres que Miguel Rodríguez foi quen de facer uso dunha lixeira vantaxe para sumar un punto máis nunha partida de case cinco horas, completando o triunfo de Pablo García esta contundente vitoria do equipo universitario.

O seguinte duelo, co campión

Tras unha xornada que deixa un balance de oito vitorias, dúas derrotas e un empate para os once equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, a competición na Liga Galega retornará o 9 de marzo, xornada no que o equipo de División de Honra viaxará a Santiago de Compostela para medirse ao vixente campión, o equipo da USC, que ocupa actualmente a segunda posición empatado co Xadrez Ourense.