DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou por 4-2 ao equipo da USC na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Vitoria da EXP-UVigo no derbi universitario galego

Tras este resultado, mantense terceiro do seu grupo na División de Honra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 28/03/2022

A sexta xornada de competición na Liga Galega de Xadrez medía esta fin de semana aos dous equipos universitarios presentes na División de Honra da competición autonómica, un derbi que tivo como sede a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde a Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz derrotou por 4 a 2 ao equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este resultado mantén ao equipo pontevedrés no terceiro posto do seu grupo e deixa practicamente sentenciado o descenso do conxunto da USC á Primeira División.

Nun enfrontamento no que o equipo local era favorito pola clasificación internacional dos seus xogadores, brillaron en primeiro termo as novas promesas da EXP, Juan Manuel Martínez e Rubén Fernández, que “pola vía rápida” sumaron os dous primeiros triunfos do equipo local. Tras elas chegaría a primeira derrota na liga do capitán do EXP-UVigo, Pablo García, mais o enfrontamento quedaría sentenciado pouco despois coas vitorias de Alberto Portela e Víctor Miguel. Finalmente, a derrota de David García deixaría o resultado final nun 4-2 para o conxunto local, que se mantén no terceiro posto da clasificación con 23 puntos, sen opcións xa de loitar polo título. A falta dunha xornada para pechar a fase de grupos, o equipo universitario atópase a 6,5 puntos do líder, o Xadrez Ourense.

Na sexta xornada de competición na Liga Galega, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo sumaron un total tres vitorias e tres derrotas. Entre estes resultados, destaca un novo triunfo do Ramón Escudeiro Tilve en Primeria División, que se mantén líder do seu grupo, cunha vantaxe de 2,5 puntos sobre o Xadrez Mos A, ao que se medirá a vindeira fin de semana na última xornada.