DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O domingo enfrontáronse o Campus Universitario Ourense RC e o Kaleido Universidade de Vigo

Vitoria ourensá no derbi galego de rugby

Os equipos de baloncesto sumaron cadansúa vitoria nos partidos disputados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 17/12/2018

Unha axustada vitoria para o Campus Universitario Ourense RC fronte ao Kaleido Universidade de Vigo por 19-18. Este foi resultado do partido disputado no campus de Ourense o domingo entre os dous equipos da Universidade de Vigo que xogan no mesmo grupo da división de honra B do rugby estatal. Tamén en baloncesto os representantes do campus de Ourense acadaron bos resultados.

Rugby

O partido entre o Kaleido Universidade de Vigo RC e o Campus Universitario Ourense RC abriu a segunda volta da división de honra B do rugby estatal. Os ourensáns enfrontábano co desexo de conseguir unha vitoria que os consolidase nos postos altos da táboa e os vigueses co desexo de sumar puntos que lles permitisen escapar das zonas de perigo da clasificación. Así, o partido estivo marcado pola igualdade e a loita por cada punto, decantándose ao final polo lado ourensán. Con este resultado, o Campus Universitario Ourense RC mantense no cuarto posto da táboa, con oito vitorias e catro derrotas, e o Kaleido Universidade de Vigo RC sitúase no penúltimo posto, con dúas vitorias e dez derrotas.

Fútbol gaélico

Polo que respecta ao fútbol gaélico, o campus acolleu o domingo unha nova xornada da liga galega de fútbol gaélico. O Auriense Campus da Auga, único representante ourensán da competición, recibiu ás categorías masculina e feminina do Herdeiras de Dhais, de Lalín. No primeiro encontro, indican desde o Auriense, os equipos masculinos xogaron un partido moi igualado, tendo en conta ademais que ambos se disputaban o cuarto posto da clasificación que dá opcións á loita polo título na segunda volta. “Sen apenas diferenzas no marcador, aínda que co equipo local levando a iniciativa en case todas as fases do partido, chegouse á última xogada que, cun tiro a paos de Herdeiros, fixo que o partido se empatara, co conseguinte reparto de puntos: Auriense 4-5 (17) Herdeiras 0-17 (17)”, indican desde o club.

En canto ao feminino, desde o Auriense sinalan que foi un encontro “aínda máis emocionante e espectacular”. “Cuns últimos cinco minutos no que se deron ata catro alternativas no marcador e onde, finalmente e cun gol pola escadra na derradeira xogada, a vitoria caeu por só un tanto para Herdeiras: Auriense 4-15 (27) Herdeiras 5-13 (28)”, detallan. Pese a derrota, indican desde o club universitario, “as ourensás reivindican o seu bo xogo e, festexan o debut de ata dúas xogadoras novas que impulsa o proxecto do Auriense, tendo ao redor de 40 persoas practicando este deporte na cidade”.

Baloncesto

Xa en baloncesto, os equipos do campus de Ourense sumaron tamén esta fin de semana cadansúa vitoria nos partidos disputados. A categoría masculina gañou 57-68 na súa visita ao Mimela EDM A Estrada na primeira división autonómica, manténdose no primeiro posto da táboa con sete vitorias e unha derrota no que vai de liga. Na primeira división autonómica feminina, as xogadoras do campus sumaron unha vitoria por 40-55 na súa visita a Maristas Coruña. Con este resultado mantéñense segundas na táboa, con sete vitorias e dúas derrotas.

Ruta cultural

Ademais, este sábado 90 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo realizaron a cuarta ruta cultural deste curso 2018/2019, organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. As e os participantes realizaron un percorrido por Nogueira de Ramuín, na provincia de Ourense, no que se mesturou sendeirismo, cogomelos e magosto para rematar 2018 con bo pé. Na actividade colaborou a Asociación Micolóxica Os Cogordos.