Estudantes do campus e da Escuela Naval Militar medíronse nunha proba de barcos dragón
Vitoria da UVigo no IV Trofeo Ría de Pontevedra
A competición insírese nas actividades da Cátedra Álvarez-Ossorio
A Universidade de Vigo alzouse coa vitoria na IV Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, despois de que as embarcacións integradas por estudantes do campus se impuxesen nesta competición de barcos dragón ao alumnado da Escuela Naval Militar (ENM). Organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e polo centro da Armada, tratouse dunha regata con tres mangas, nas que estudantes de diferentes facultades e escolas da Universidade medíanse ao alumnado da ENM, que alberga á súa vez o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo. A competición arrancou co triunfo das alumnas do campus na manga feminina, seguida pola do equipo masculino. Isto dáballe xa a vitoria global á UVigo, completada co seu triunfo na rolda final, na que os equipos masculinos e femininos competiron conxuntamente en embarcacións de 22 tripulantes.
Promovida co apoio do Consello Social da UVigo e a colaboración da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, da asociación Dragon Boat Galicia e do Gremio de Mareantes, a regata desenvolveuse nun campo de regatas de 500 metros con dúas ceavogas, con saída e meta no embarcadoiro das Corvaceiras. Desde alí foi seguida, entre outros, polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o comandante-director da ENM, Tomás Clavijo; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; ou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera.
O trofeo retorna ao campus
Inserida nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, promovida conxuntamente pola UVigo e o centro da Armada, esta competición naceu en 2023 co obxectivo de converterse nunha cita anual que medise nas augas da ría ao estudantado das dúas institucións. Aquela primeira edición levouse a cabo con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, que foi novamente a escollida para esta cuarta edición.
Nesta ocasión, a proba arrancou coa manga feminina, que comprendía un percorrido de 1000 metros con barcos integrados por dez piragüistas, unha persoa ao temón e unha tripulante marcando o ritmo cun tambor. Nesta primeira proba, impúxose a embarcación integrada por alumnas das facultades de Fisioterapia e Ciencias da Educación e do Deporte e da Escola Universitaria de Enfermaría.
Con ese mesmo percorrido e tamén con barcos dragón de doce tripulantes, na manga masculina a UVigo estivo representada por unha embarcación da que formaban parte alumnos das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación e Fisioterapia ou da EE Forestal. Novamente, a tripulación da UVigo lograba a vitoria, como fixo tamén a tripulación mixta que tomou parte na última manga. Neste caso, tratouse dunha proba levada a cabo con barcos dragón de 22 tripulantes, que debían completar dúas voltas ao campo de regatas, percorrendo unha distancia de dous kilómetros.
A xornada completouse co acto de entrega de premios, no que o alumnado da UVigo alzou un trofeo que incorpora en cada ano unha placa co nome da institución gañadora, encargada de custodialo ata a seguinte edición. De feito, a súa vitoria motivaba o retorno ao campus dun trofeo que permanecía desde 2025 na Escuela Naval Militar, vencedora da terceira edición, levada a cabo con embarcacións de remo de nove metros e disputada en Marín, na contorna deste centro da Armada.
