DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrado esta fin de semana no pavillón de deportes universitario

Vladimir Petkov e Marcos Lianes gañan o XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense

No certame competiron arredor dun centenar de xogadoras e xogadores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
DUVI Ourense 21/09/2026

Este sábado e domingo, 19 e 20 de setembro, celebrouse o XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense, organizado polo club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo. A cita reuniu no pavillón de deportes do campus a 105 xogadoras e xogadores, proclamándose campión na modalidade de partidas rápidas o gran mestre búlgaro Vladimir Petkov e na de partidas lóstrego o mestre internacional Marcos Lianes. 

O certame, dirixido por Marcos Reza, tivo o patrocinio de, ademais da propia UVigo, do Concello e da Deputación de Ourense e nel entregáronse 2500 euros en premios. Arrancou o sábado coa celebración da modalidade de partidas rápidas. O primeiro posto foi para o gran mestre búlgaro Vladimir Petkov, o segundo para o mestre Fide Samuel Villar e o terceiro para o mestre internacional madrileño Marcos Lianes. Tamén levaron premio o mestre Fide Fernando Sánchez (4º), o mestre Fide Rubén Fernández (5º), o mestre internacional Rafael Rodríguez (6º) e José Ramón González (7º). Os galardoados por tramos foron os seguintes: en sub2000 Luis Fernández e en sub1700 Mateo Pérez. O premiado como mellor clasificado do club Xadrez Ourensán Universitario foi o candidato a mestre Manuel Vidal.

O domingo o torneo continuou coa modalidade de lóstrego. O gañador neste caso foi o mestre internacional Marcos Lianes, o segundo clasificado foi o gran mestre búlgaro Vladimir Petkov e completou o podio o mestre internacional Rafael Rodríguez. Os seguintes clasificados que tamén tiveron galardón foron: 4º o mestre Fide Samuel Villar, 5º o mestre Fide Rubén Fernández, 6º o vigués Mateo Rey, que, sinalan desde a organización, “con apenas 11 anos conseguiu este meritorio posto nun torneo tan forte”, e 7º Óscar Fernández. Os galardoados por tramos nesta modalidade foron: en sub2000 Rodrigo Arias e en sub 1700 David Catro. O mellor clasificado do club organizador foi Antonio Villar. A entrega de premios contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense. 

Desde a organización deste XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense amosan a súa satisfacción e agradecemento pola boa acollida que tivo esta edición número 12, destacando igualmente a calidade de xogo vista no torneo e o bo desenvolvemento das dúas xornadas de celebración.