DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición presenta no Ateneo de Marín as creacións de seis artistas formadas nesta facultade

‘Voilà la Femme’ reúne seis reflexións sobre cuestións de xénero forxadas en Belas Artes

Trátase da edición número 27 dunha mostra que protagonizan cada ano alumnas e egresadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/01/2021

Achegarse “á arte de seis mulleres, que desde múltiples linguaxes” formulan nos seus proxectos unha reflexión “en torno a cuestións sociais e de xénero diversas”. Isto é, segundo destaca a súa comisaria, Celeste Garrido, o que propón a XXVII edición da exposición colectiva Voilà la Femme, que desde este martes pode visitarse na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín. Seis alumnas e egresadas, Beatriz Fernandes, Lucía Otero, Tamara Vázquez, Uxía Pérez, Ana Sánchez e Cristina Chiarroni, son as protagonistas desta mostra, inicialmente programada para o pasado mes de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, e que a covid-19 obrigou a adiar.

A situación sanitaria, de feito, motivou tamén que na tarde deste luns Voilà la Femme vivise unha “inauguración inusual”, como recoñece Garrido, unha artista tamén formada na facultade e colaboradora do grupo de investigación ES2. Artistas, comisaria e representantes do Ateneo e do Concello de Marín participaron na apertura sen público desta exposición colectiva, que reúne pezas en vídeo, instalacións, traballos de fotografía e ilustracións e que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro . 

Impulsada na década de 1990 polo catedrático de Belas Artes Antón Castro e o artista Antón Sobral, a exposición á que deu nome a tamén catedrática desta facultade e codirectora do grupo ES2, Yolanda Herranz, naceu co obxectivo de dar visibilidade á “moi descompensada relación” entre o número de alumnas que se formaban na facultade e “a presenza das artistas mulleres nas exposicións colectivas”, como explica Garrido. Preto de tres décadas despois, apunta, “máis de 200 artistas”, boa parte delas formadas na facultade, teñen protagonizado as diferentes edicións dunha mostra colectiva que, como destaca a súa coordinadora, converteuse na exposición de mulleres artistas “con maior percorrido” de España.

Seis reflexións a través de diferentes disciplinas

Entre as propostas seleccionadas para esta mostra colectiva figuran pezas como El silencio [ya] no existe, da graduada en Belas Artes e alumna do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Bea Fernandes, unha peza que forma parte dun proxecto audiovisual, 3652, que presenta como “un atorretrato a través da viaxe no tempo da memoria, os recordos e o espazo que estes habitan”, sustentado en dúas experiencias vitais da propia artista, a relación coa súa nai e o padecemento dunha enfermidade. Tamén egresada da facultade e alumna do Máster en Dirección de Arte en Publicidade, Lucía Otero suma a esta mostra O espazo do fogar, un conxunto de fotografías que retratan “a realidade máis próxima; a familia e a súa contorna, os obxectos e espazos, o baleiro...”, coas que busca achegar unha visión “non costumista” do rural, “que poida contribuír á ruptura de estereotipos”.

O cotián e o doméstico, xunto coa intimidade, o corpo e a memoria, son os eixos das creacións ás que a graduada Cristina Chiarroni deu forma a partires das lembranzas da súa casa natal e que presenta nunha exposición na que a tamén egresada Tamara Vázquez reflexiona sobre “a vida cotiá das mulleres da limpeza”, nunha obra que parte da súa propia experiencia como filla dunha destas traballadoras. Na súa instalación, a artista pon o foco tanto no “abandono laboral” que padece este colectivo como no “desprezo que reciben socialmente por un traballo moi mal pagado”. Uxía A. Pérez, pola súa banda, fai uso da “pintura estendida” e do uso de materiais como a madeira ou o látex para achegar o espectador ao “diálogo entre o tacto e a imposibilidade de tocar ou ser tocado”, nunha reflexión sobre “a identidade do suxeito e os límites entre o propio e o alleo”. Por último, Voilà la Femme complétase coas ilustracións que Ana Sánchez realizou a partires de “escenas ou personaxes de películas ou series que lle resultan evocadoras”, como explica Garrido, integrante do colectivo Portal de Igualdad, que buscar dar visibilidade ás mulleres artistas.