DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha exposición das creacións do alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda

Volumes desafiantes converten o Museo de Pontevedra no escaparate de Debut

As coleccións de fin de estudos preséntanse a través dun vídeo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/11/2020

A covid-19 obrigou neste 2020 a reinventar Debut, o evento que cada ano permite amosar á cidadanía os resultados do traballo do alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda/Esdemga. A situación sanitaria impediu a celebración do habitual desfile, pero non ese propósito da titulación da Facultade de Belas Artes de proxectarse na cidade. Con ese obxectivo, este xoves inaugurouse no Museo de Pontevedra Debut 2020. Edición limitada, unha exposición que reúne unha selección dos traballos realizados por dez alumnas e alumnas do mestrado, no que, no marco do seu proceso de aprendizaxe, deben enfrontarse no primeiro curso da titulación “á construción de volumes de carácter desafiante soportados nun corpo”, como explicou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na inauguración da mostra. 

Ata o 13 de decembro, poderá contemplarse na planta baixa do Sexto Edificio esta exposición integrada por unha selección de exercicios académicos que o alumnado levou a cabo o pasado curso, convertendo deste xeito, como sinalou o director do Museo, José Manuel Rey, “as características cristaleiras deste edificio nun escaparate” do propio proceso de formación. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, participaron tamén na apertura desta exposición, inserida no programa de actividades que Esdemga desenvolve ao longo desta semana e que inclúe tamén a estrea esta tarde, a través das redes sociais, do vídeo que permitirá dar a coñecer as coleccións realizadas polo alumnado como proxectos de fin de estudos. Nese senso, o vicerreitor do campus puxo o acento na capacidade de Esdemga e da Universidade de “adaptarse ás circunstancias” para, neste contexto, “seguir apostando polo traballo ben feito, pola innovación e pola calidade”. Debut, lembrou Soto, “é moito máis que un desfile, é tamén formación e contacto coas empresas”, cuestión na que incidiu tamén Fouces, que destacou que “Debut é unha referencia no país" e sinalou que “o modelo de Pontevedra non sería o mesmo se Esdemga non estivese na cidade”.

Pensar o corpo dunha forma diferente

“Cando planeamos como facer as cousas neste momento inédito, pensamos en lanzar un formato que fora Debut, ao tempo que sabíamos que non podía selo como tal”, sinalou Dopico do proceso de traballo que derivou nesta Edición limitada. Con este xogo de palabras, sinalou, buscaban tanto facer referencia “ás limitacións que temos que acoller como normalidade”, como á propia idea do excepcional como único, á “oportunidade de facer as cousas dun xeito diferente e novidoso”. Esa perspectiva levou, coa colaboración do Museo, da Vicerreitoría do campus e do Concello, a dar forma a unha exposición que reúne as creacións de Mireia Bruguera, Javier Cuervo, Regina Chamorro, Natalia Diéguez, Catalina Estévez, Sabela Juncal, Noemí Montenegro, Carmen Muñoz, Denise Pena e Nely Plaza.  

Creacións que, como explicou Dopico, nacen dun “exercicio de conceptualización polo que hai que pasar cando te enfrontas por primeira vez á creación de moda”. Facer moda, sinalou, “non é exactamente facer roupa” e de aí que o primeiro paso sexa “enfrontarse a construír volumes de carácter inesperado para o propio deseñador, a pensar o corpo dunha forma diferente”. A exposición presenta o resultado deste proceso de reflexión “sobre a construción de volumes desafiantes conceptualmente, que cada un abordou dun xeito propio e diferente” e que, engadiu Dopico, este ano se viu marcado tamén polo propio desafío que implicou que unha parte destes proxectos “se desenvolvesen desde o confinamento, o que significaba ás veces non ter aceso a medios e materiais ou ter que titorizar os traballos a través dunha pantalla”.

Das ventás do Museo ás virtuais

Debut, lembrou Dopico, constitúe desde os seus comezos un "rito de tránsito" no que “intentamos facilitar o paso ao mundo profesional” dos novos titulados e tituladas, pero tamén unha cita anual da titulación, que busca “compartir o que se fai dentro das aulas”. Un obxectivo, o de “manter unha ponte constante de comunicación cos axentes sociais e culturais, procurando sempre os mellores escenarios posibles para canalizar a creatividade dos deseñadores e deseñadoras que estamos a formar” que se mantén neste 2020, no que Esdemga convida á cidadanía a achegarse a unha serie de “ventás” que permitan dar a coñecer, “aínda que sexa desde a distancia”, as creacións do alumnado. 

Ventás, como as do Museo, pero tamén como as das redes sociais, a través das que Esdemga está a presentar as coleccións que constitúen os traballos de fin de mestrado nos novos egresados e egresadas. Esta tarde, coincidindo coa data na que tradicionalmente se celebraba o desfile, presentarase na rede unha produción en vídeo, “na que intentamos reproducir o que foi o ano, o que son os procesos creativos e os seus resultados”, sinalou Dopico. A peza, rodada na facultade e que contou coa produción sonora do grupo Fotogenia, permitirá presentar as coleccións de Sergio Villasante, Patricia Chamadora, Marta García, Alba L. Requeiro, Candela Novoa, Beatriz Chan, Ainhoa González, Ángela Ogando, Sofía Granja, Naiara Pérez e Carla Seoane, que esta tarde defenderán tamén diante do tribunal académico.

Debut 2020 completarase mañá venres cunha edición virtual das Xornadas Técnicas de RRHH, nas que os novos titulados e tituladas manterán as súas primeiras entrevistas con diferentes empresas do sector; unha actividade que se suma aos diferentes talleres, tanto presenciais como virtuais, que Esdemga promove desde o luns.