DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Voluntariado universitario para promover a educación dos dereitos humanos en colexios de toda a provincia

Este luns arrancou un curso formativo e en xaneiro iniciaranse as actividades nos centros escolares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Internacional
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/12/2018

Son máis de vinte. Cada un/unha ten os seu propios gustos e intereses, estudan en diferentes escolas e facultades do campus, pero todos e todas queren ser voluntarios e voluntarias, deixar de ser meros oíntes e converterse en verdadeiros actores do cambio nas súas respectivas comunidades. Este luns, coincidindo coa celebración do Día dos Dereitos humanos  e do 70 aniversario da aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, arrancou no campus de Vigo o curso Xoves para xoves, un proxecto de educación en dereitos humanos e obxectivos de desenvolvemento sostible que chega agora por primeira vez a Galicia da man da Universidade, o Consello Social e a organización non gobernamental Helsinki España. Esta semana asistirán a un curso formativo da man de destacados especialistas e, tras esta preparación, chegará o momento de pór en práctica todo o aprendido exercendo de voluntarios e voluntarias en diferentes centros escolares de toda a provincia.

A inauguración do curso, celebrada na sala 1 do edificio Miralles, contou coa participación  das vicerreitoras de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, así como dunha representante do Consello Social, Mª Elvira Larriba, e da presidenta de Helsinki España-University Network, Ana Nieto, aos que se sumou, vía videoconferencia, Pablo Espiniella, especialista na formación de dereitos humanos. Todos coincidiron en destacar a importancia deste tipo de proxectos nos que, a través da formación, a sensibilización en valores e o voluntariado xuvenil, se contribúe ao desenvolvemento dunha cultura na que nenos e nenas, mozas e mozos, sexan máis conscientes dos seus propios dereitos e das súas obrigas con respecto aos demais, “favorecendo así o seu desenvolvemento como membros responsables dunha sociedade global, interdependente, libre e pacífica, pluralista e inclusiva”.

1º unha fase formativa, logo acción nas aulas

O curso desenvolverase en dúas fases. Primeiro hai un período formativo, que arrancou hoxe e se prolongará ao longo de toda a semana, e logo terá lugar unha segunda fase de acción nas aulas, na que as voluntarias e voluntarios darán sesións a escolares de entre 5 e 18 anos en distintos colexios e institutos da provincia. Farano “a través dunha metodoloxía moi participativa e facendo uso de dinámicas e xogos, educando en valores aos nenos e nenas”, salientaron dende a ONG, ao que engadiron que nestas sesións nos colexios traballaranse, sobre todo, “os valores da tolerancia, non discriminación e igualdade”, abordando especificamente “os dereitos da infancia, das persoas en situación de exclusión social e da poboación inmigrante e refuxiada”.

Desde o punto de vista do profesor Xosé Mª Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade, esta actividade chega a Vigo polo convencemento do novo equipo de goberno da necesidade de abrir a Universidade ás entidades sociais e colaborar conxuntamente na realización de actividades aproveitando sinerxías. “Un aspecto que preocupa á Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación é a formación do noso estudantado  para afrontar tarefas de voluntariado. Cremos que o fomento dos dereitos humanos, presente de forma transversal na Axenda 2030 da ONU, debe formar parte do plan de formación das persoas voluntarias da UVigo e, neste senso,  contar coa experiencia acreditada da ONG Helsinki para co-organizar o curso supuxo un salto cualitativo á hora de afrontar o seu deseño”, recalcou Mahou, quen valorou moi positivamente a reposta do alumnado “a pesar de estar nunhas datas que coinciden co inicio dos exames en varias titulacións”.

Ao longo de toda a semana e en horario de tarde, as persoas matriculadas no curso abordarán aspectos como os principios de dereitos humanos, valores subxacentes e protección; principais textos reguladores e a súa protección; Axenda 2030, correlación entre os dereitos humanos e os obxectivos de desenvolvemento sostible; regulación e sostibilidade en pesca e actividade marítima; emprego infantil e piratería no ámbito pesqueiro; acoso e redes sociais; desigualdade e pobreza; igualdade de xénero e de oportunidades...

Coloquio sobre voluntariado no Marco

Ademais da inauguración deste curso, a Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, organizou tamén este luns, neste caso en colaboración co Concello de Vigo, o coloquio O Voluntariado como actor de cambio, que se levou a cabo no salón de actos do Museo  de Arte Contemporánea de Vigo, Marco. Moderado pola vicerreitora,  Mª Isabel Doval, e o concelleiro da Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relaciones cos Sindicatos do Concello de Vigo, Santos Héctor Rodríguez, a actividade xirou en torno á importancia do papel das persoas voluntarias nas organizacións do terceiro sector, e nel contouse coa participación de Ramón Ilarri, voluntario cultural; Marisé Pérez, vocal do comité local de Unicef e colaboradora en diversas accións en entidades culturais e veciñais; Rosa Camiña, voluntaria en diversas entidades; Cristian Fernández, voluntario de Protección Civil e actual presidente desta entidade; Belén Fernández Feijóo, profesora de Contabilidade de Custos na Universidade de Vigo e colaboradora habitual de Aldeas Infantiles e a Fundación Mozambique Sur e as alumnas da Universidade de Vigo Almudena Trillo e Camino Romera, ambas as dúas con experiencia en temas de voluntariado social.