O 24 e 25 de febreiro nas escolas de Minas, Industriais e Telecomunicación
Volve o Foro Tecnolóxico, unha oportunidade única para atopar unha vocación e, mesmo, o emprego soñado
54 empresas participarán na iniciativa organizada polo estudantado para o estudantado
Conta atrás para a 26ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego que se desenvolverá nas escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación os vindeiros 24 e 25 de febreiro. 54 empresas, tres máis que o ano pasado, participarán no foro, organizado por case unha vintena de estudantes de grao e mestrado das delegacións das escolas de enxeñaría do campus de Vigo.
Andrea Vicente é unha desas estudantes, no seu caso do mestrado habilitante de Enxeñaría de Telecomunicación, que participa na organización desta edición do foro como coordinadora de marketing dixital e web e que o considera “unha oportunidade única para que o alumnado atope a súa vocación, e quizais, o seu emprego soñado. O Foro permite descubrir saídas profesionais da carreira que moitas veces descoñecemos e falar de ti a ti con enxeñeiros e enxeñeiras que un día estiveron no noso lugar, polo que achegan unha visión moi realista do mercado laboral”.
Coa novidade de que o alumando dos ciclos de Formación Profesional tamén se poida achegar ao Foro, sumándose así ao estudantado universitario, o evento arrancará o martes 24 ás 9.30 da mañá e prolongarase ata ás 19.30 do mércores 25.
A mesma estrutura e máis postos de firmas
A 26ª edición do Foro manterá “a estrutura de éxito de anos anteriores, consolidando actividades”, explica Andrea Vicente como os workshops de temática técnica e de orientación laboral; unha mesa redonda con responsables de recursos humanos de diferentes compañías, titulada este ano Expectativas versus Realidade: O novo escenario para o enxeñeiro júnior; speed recruiting, onde o alumnado pode practicar entrevistas reais; e obradoiros nos que o alumnado poderá gozar de charlas e actividades centradas nas competencias transversais do seu currículo, como oratoria ou comunicación.
En canto aos postos que as empresas despregarán nas escolas de enxeñaría industrial e na de Minas e Enerxía e onde poderán recoller currículos ou ofrecer bolsas ou proxectos ao alumnado, nesta edición foi posible incrementar o seu número “grazas a que modificados e optimizamos o plano do recinto para ampliar o número de postos avanzados, que son os máis demandados polas firmas”, aclara a coordinadora de marketing dixital e web do Foro.
A clave para as e os organizadores: a diferenciación
Nacido hai 26 anos na UVigo como unha iniciativa organizada polo alumnado para o alumnado co obxectivo de conectar o talento universitario coas empresas do sector tecnolóxico e industrial, o Foro Tecnolóxico de Emprego consolidouse como un dos máis relevantes de España e o maior deste tipo organizado integramente polo estudantado.
Pero que lles achega aos e ás alumnas da UVigo participar na posta a punto deste evento? Para Andrea Vicente está claro: diferenciación. “Hoxe en día saímos cunha preparación técnica moi similar, polo que as competencias transversais son a clave. Organizar o Foro dános moitas desas soft skills difíciles de adquirir na aula, como responsabilidade, organización, xestión de equipos ou empatía e mesmo liderado”.
Ademais do apoio da UVigo, o Foro Tecnolóxico conta co de colexios oficiais e diversas institucións públicas e privadas.
