DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Totalmente de balde, con reserva previa

Volve 'Misterio no Pazo' cunha función aberta ao público xeral o 9 de abril en Castrelos

A actividade contará con dous pases consecutivos ás 17.30 e ás 18.30 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI 06/04/2026

Como peche da celebración do Día Mundial do Teatro, a UVigo lanza unha función extra de Misterio no Pazo, unha peza de teatro divulgativo e inmersivo para render homenaxe a Agatha Christie en colaboración co Concello de Vigo. Nesta ocasión, a representación será o 9 de abril dirixida á comunidade universitaria da UVigo e ao público en xeral, co obxectivo de maximizar o alcance da iniciativa e optimizar o aproveitamento do traballo artístico, técnico e científico previamente desenvolto.

Na presentación da iniciativa, á que asistiron representantes da Universidade e do Concello, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, destacou o éxito das primeiras representacións, dirixidas a centros educativos da cidade de Vigo. “O que queremos agora é abrila a máis públicos cunha función dirixida a familias”, sinalou, ao tempo que puxo en valor a adecuación do espazo ao universo literario da obra. 

Neste sentido, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo enmarcar a actividade no centenario da doazón do pazo de Castrelos ao pobo de Vigo para o seu uso como museo. “Este espazo hai cen anos que pasou a ser propiedade democrática da cidade de Vigo” lembrou o rexidor, que ademais aproveitou para resaltar a “xenialidade” de escoller ese escenario para representar a adaptación dunha obra de Agatha Christie. “A idea é brillante”, reiterou.

Dous pases consecutivos con reserva previa

A proposta dá continuidade ás actividades xa realizadas os días 4 e 5 de marzo, dirixidas ao alumnado de centros de educación secundaria da cidade de Vigo. Co museo Quiñones de León como escenario, contará con dous pases consecutivos: un primeiro ás 17.30 horas e un segundo ás 18.30 horas, cun máximo de 50 persoas en cada sesión. O acceso realizarase mediante reserva previa a través dun formulario habilitado na plataforma Museos Educa, e a participación será de balde ata completar aforo.  

Redescubrindo a Agatha Christie

A actividade presenta unha adaptación da obra de Agatha Christie Un cadáver na biblioteca, en formato de teatro inmersivo con contido científico-divulgativo. A proposta combina acción teatral e probas científicas, nas que o público participa activamente para resolver un misterio. 

O museo municipal Quiñones de León será así o escenario dunha peza teatral na que o público participante terá un rol protagonista. Conducidos por Mónica Camaño, que fará o papel da señorita Marple, personaxe icónica creada por Agatha Christie, as e os asistentes terán que realizar diferentes probas e experimentos ata descubrir quen asasinou á protagonista da obra, Ruby Keene, interpretada por Adriana Santos Muñoz.

Os investigadores Tino Quintela, Guillermo Blanco e André Vidal asumirán os papeis do marqués de Quiñones de León, Mark Gaskell e Raymond Starr, respectivamente; mentres que a catedrática de Xenética Paloma Morán e a investigadora predoutoral Nerea Cazás encarnarán as doutoras Morán e Cazás. Pola súa banda, as técnicas da UCC+i e Víctor Martínez Mariño serán o persoal do servizo. O elenco complétase coa voz en off de Cristina Collazo (Josie), Zé Paredes (Basil Blake) e Manu Paino (Gastón). O espazo sonoro é obra de Marcos Paino.

Esta acción forma parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e coa colaboración do museo municipal Quiñones de León – Concello de Vigo.