As representacións arrancan este xoves da man do grupo ourensán Maricastaña
Volve a Vigo o mellor teatro universitario coa 28º edición da Miteu
Aos grupos galegos sumarase este ano a compañía da asociación peruana Anaqueronte
Chega a Vigo a súa gran cita anual coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha actividade que acada xa a súa 28 edición e que, un ano máis, “reúne na cidade unha mostra moi significativa do teatro que se está a facer no seo das universidades galegas e, moi especialmente, na UVigo”, tal e como recalca a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen convida a toda a cidadanía a aproveitar esta “grande oportunidade” que brinda a mostra para mergullarse no teatro que se está facendo na actualidade en Galicia, e tamén no estranxeiro, referíndose, neste caso, á visita da Asociación Cultural Anaqueronte, un grupo procedente de Perú que promove e protagoniza actividades culturais que van máis aló do teatro, con danza, cine e literatura.
A estrea desta 28 edición da mostra será este xoves día 9, ás 18.30 horas no Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, da man do grupo Maricastaña, da Aula de Teatro do Campus de Ourense, que interpretará a obra Insurrección, dirixida por Fernando Dacosta e inspirada en Rebelión na granxa, de George Orwell. Cun elenco composto por unha ducia de actores e actrices, a obra trasladará ao público a historia dun grupo de persoas traballadoras oprimidas polo seu xefe ata que a conciencia vai aflorando, o que provoca a explosión da insurrección e, logo da correspondente loita, o control da situación. Mais co tempo, haberá persoas que se sintan máis fortes e con máis dereito a gozar do que é común e que, pouco a pouco, vaian cambiando as normas da colaboraciónm volvendo o lugar liberado nun espazo de explotación peor aínda que o lugar inicial.
Sete representacións no Teatro Vidal Bolaño con entrada de balde
Serán en total sete representacións, todas no teatro da Cidade Universitaria, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala. “Esta rotación entre as universidades galegas constitúe unha plataforma de difusión, de intercambio e de ilusión por dar a coñecer e compartir a paixón polo teatro”, explica Reboreda, quen tamén fai fincapé no importante papel que cumpre a Miteu como vía de divulgación do traballo que se leva a cabo ao longo de todo o curso nos obradoiros de teatro. “Esta rotación entre as universidades galegas constitúe unha plataforma de difusión, de intercambio e de ilusión por dar a coñecer e compartir a paixón polo teatro”, recalca a vicerreitora.
Tras a estrea, a seguinte representación será o xoves 16 de abril da man da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que interpretará Irmás, do dramaturgo, director de escena e cine, actor e realizador francés Pascal Rampert, quen en 2016 recibiu o Premio de Teatro da Academia Francesa ao conxunto da súa obra, caracterizada por unha arriscada experimentación da linguaxe. Actuarán como actrices principais Alba Casás Fuentes e Cristina Pérez Amigo.
A quenda dos anfitrións, a Aula de Teatro do Campus de Vigo, chegará o martes 21 de abril, baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, nesta ocasión coa obra Macbett, de Eugène Ionesco, traducida por Henrique Harguindey, unha traxicomedia inspirada en Shakespeare que satiriza o poder absoluto e a tiranía a través do absurdo. Esa mesma semana, o xoves 23, haberá unha nova representación, a cargo da Aula de Teatro da Universidade da Coruña con Encrobas 77: A precuela, de Helena Salgueiro, unha alegoría teatral coa que viaxar ata a coruñesa vila das Encrobas, onde a finais do franquismo tivo lugar unha particular revolta campesiña.
A visita internacional chegará o mércores 29 coa Asociación Cultural Anaqueronte de Perú, neste caso ás 17.30 horas, coa obra Los muchachos olvidados de Dios, inspirada nos testemuños dos conflitos internos de Perú das décadas de 1980 a 2000, contando as historias de varios deles, atrapados entre as forzas da orde, por unha banda, e os grupos terroristas, pola outra.
A mostra rematará na primeira semana de maio cunha dobre cita: o mércores 6 coa obra Tartufo de Molière, interpretada pola Aula de Teatro do campus de Pontevedra, e o xoves 7, con Tsunami, de Marcos Abalde, da man da Aula de Teatro da Escola Superior de Arte Dramática, ESADG.
