DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa Delecer ofrece tamén parapente, pontismo e paracaidismo

Volven as actividades de aventura co voo sen motor como principal novidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 04/03/2010

Sol e temperaturas máis agradables son condicións máis propicias para os deportes ao aire libre e especialmente se se trata de practicar deportes de aventura como os que propón o programa Delecer. Da man do Servizo de Deportes a comunidade universitaria poderá elixir entre catro alternativas “de altos voos”: parapente, pontismo, paracaidismo e, como novidade desta edición, voo sen motor. Nestas actividades poderá participar calquera membro da comunidade universitaria que poderá ir acompañado dun usuario externo, abrindo así as actividades da institución a toda a sociedade.
Para cada unha das actividades organizaranse dous grupos, con diferentes datas para facilitar as participación de todos os interesados, ao tempo que se espallan tamén as localizacións das mesmas.

O voo sen motor gran novidade

A principal novidade da décima edición de Delecer é o voo sen motor, que se oferta por primeira vez neste programa de actividades de aventura. Tamén coñecido como voo a vela, esta modalidade deportiva consiste en pilotar un planeador que percorre amplas distancias sen necesidade de motor axudándose dos movementos das masas de aire no seo da atmosfera. O vindeiro mércores 10 de marzo ás 13.30 horas celebrarase unha reunión informativa no Servizo de Deportes para os interesados nos que poderán coñecer as condicións desta actividade que se desenvolverá na Escola de Voo à vela do municipio portugués de Mogadouros. Cun prezo de 21,5 euros para os universitarios, as datas fixadas para os dous grupos son o 20 de marzo e o 10 de abril, sendo a data límite de inscrición unha semana antes da data. A matrícula inclúe voo tándem, seguro e formación teórica, pero non o traslado.

Prazas esgotadas en parapente

A reunión informativa do parapente tivo lugar este mércores e, tras elas, xa quedaron cubertas todas as prazas, aínda que os interesados poden inscribirse en lista de agarda. Coa colaboración do Club Nortada os voos serán en Santa María da Oia para o grupo 1 o 13 ou o 14 de marzo e para o 2 o 20 ou 21 de mesmo mes. Os prezos varían dende os 32 euros para os universitarios, aos 28 para os usuarios de tarxeta deportiva ou da Área de Deporte e Saúde ata os 25 para as persoas alleas á comunidade universitaria.

Pontismo e paracaidismo

Con moi boa aceptación en edición anteriores, o pontismo e o paracaidismo repiten este ano no programa Delecer. En colaboración con Turnauga, os grupos de pontismo serán o 27 de marzo e o 17 de abril cun prezo de entre 23, 21 e 30 segundo sexan universitarios, usuarios da tarxeta deportiva ou da Área de Deporte e Saúde ou non universitarios. O lugar escollido é a ponte sobre o Miño en Arbo e o prezo inclúe seguro e transporte, sempre que se xunte un mínimo de 15 persoas.
Finalmente, o programa inclúe paracaidismo xa no mes de maio no Aeródromo de Palmeira en Braga. Cun grupo o 1 e outro o 2 de maio con prezos que varían entre os 144, 130 e 160 euros segundo os colectivos, con seguro e salto en tándem incluído pero non o traslado a Braga. A reunión informativa será o 20 de abril.

A inscrición para todas as actividades, que remata a semana anterior á data de celebración, debe realizarse no Servizo de Deportes.