O día 1 de febreiro a programación arrancará cunha andaina por Covelo
Volven as rutas culturais da UVigo con seis propostas para este cuadrimestre
Abertas á inscrición da comunidade universitaria e persoas alleas a ela
A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo bota a andar. Este martes presentáronse no campus de Ourense as seis andainas por diferentes puntos da xeografía galega que desde febreiro e ata abril organizará a Área de Benestar, Saúde e Deporte da institución académica. Están abertas á inscrición da comunidade universitaria dos tres campus da UVigo pero tamén á cidadanía en xeral.
A programación foi presentada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Rodrigo Alberte, técnico da Área de Benestar, Saúde e Deportes neste campus, e Antonio Vázquez, de Xeitura. Nas súas intervencións destacaron a dilatada traxectoria destas rutas culturais, nadas en 1999, e a “fantástica acollida” que ten cada andaina que se organiza, cunha media de participación por roteiro de 86 persoas. A iniciativa, destacouse no seu lanzamento, promove “unha forma sostible e saudable de explorar o patrimonio natural e cultural”. Por último, na presentación tamén houbo palabras de lembranza para o promotor e coordinador durante décadas destes roteiros, o falecido José García-Calvo, Willy.
De Covelo a Camariñas
Tras a boa acollida dos catro roteiros celebrados no primeiro cuadrimestre deste curso académico, neste segundo, a Universidade de Vigo propón “seis rutas variadas e enriquecedoras, que destacan tanto pola súa diversidade como pola posta en valor do patrimonio galego”. No seu deseño, sinalouse na presentación, tivéronse en conta as suxestións realizadas polas persoas que habitualmente se inscriben nestas andainas, apostando tamén coma sempre por andainas asequibles en dificultade e número de quilómetros.
A primeira ruta cultural de 2025 será o día 1 de febreiro e descorrerá por Covelo e o Serradoiro dos Carranos, na contorna protexida do río Tea. Tamén en febreiro, as andainas achegaranse á Ribeira Sacra, cun percorrido titulado Bosques Máxicos de Castro Caldelas. Xa en marzo, dous son os destinos escollidos. O día 8 a programación transcorrerá pola Devesa da Rogueira, no Courel, para coñecer esta “xoia ecolóxica”. O día 22 será o momento de realizar a Ruta por Bande: Camiño de San Rosendo e Aquis Querquennis, seguindo as antigas vías romanas e outros puntos de interese relacionados coa figura de San Rosendo. A penúltima andaina, o 5 de abril, terá como escenario as Fragas do Eume, o “bosque atlántico mellor conservado de Europa”, e o Mosteiro de Caaveiro. Por último, para pechar a programación de rutas culturais do curso 2024/2025, a UVigo propón a realización dunha nova etapa do Camiño dos Faros, concretamente a que vai de Arou a Cabo Vilán, en Camariñas, o día 26 de abril.
Inscrición a través de Internet
A inscrición en cada ruta cultural, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada ruta permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Hai autobuses para trasladar ás persoas participantes desde os tres campus da UVigo. Desde a organización da actividade animan á participación ao público interesado, subliñando non só a oportunidade que dan estes roteiros de coñecer Galicia e a súa contorna, senón “polo bo ambiente que teñen e que fai sentir moi cómodas a todas as persoas que veñen con nós ”.