DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promove este xoves o concerto ‘The Human Voice’, con entrada libre

A ‘voz humana’ resoará no Teatro Principal

Esta traxedia lírica será interpretada polo grupo Colaboración Artística Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/01/2019

Composta por Francisc Poulenc en 1958, con libreto de Jean Cocteau, The Human Voice (A voz humana) é unha traxedia lírica dun único acto que representa un diálogo teléfonico entre unha muller e a súa ex-parella trala recente ruptura da relación. Unha ópera que aborda a historia desde o punto de vista da muller protagonista, sendo a súa a única voz que se escoita ao longo da ópera e que, nun concerto promovido pola Vicerreitoría do campus, interpretará este xoves no Teatro Principal o grupo Colaboración Artística Pontevedra. Nunha actuación programada para as 20.30 horas, con entrada libre ata completar aforo, a ‘voz humana’ da protagonista será levada ao escenario pola soprano Bonnie Cooper, acompañada por Samuel Serrano ao piano, nunha representación dirixida pola dramaturga británica Sarah Harrison.

“A pesares de ter sido escrita no século pasado, esta ópera aínda é relevante para o público contemporáneo. Os temas que articula, o fin dunha relación, a fraxilidade da psique e, particularmente, a mediación da tecnoloxía nas comunicacións persoais preséntanse hoxe en día practicamente na mesma forma que na época na que se concibiu a obra”, salientan desde o grupo Colaboración Artística Pontevedra da proposta que este xoves, explican, interpretarán por primeira vez nun teatro. Trátase dunha obra de aproximadamente 40 minutos, interpretada en inglés e da que destacan, como salienta Cooper, “o feito de que unha das dúas voces nunca se escoite”, xa que o público só escoita á personaxe “que está no seu lado da liña telefónica”, a muller protagonista, o que a súa vez provoca, “que o outro personaxe sexa á vez real e imaxinario”.

Voz, piano e dramaturxia

De pór voz ás verbas da protagonista encargarase nesta representación a soprano canadiana residente en Pontevedra Bonnie Cooper, formada en canto e música na Universidade de Ottawa, que na actualidade traballa como cantante solista co Collegium Laudeatum inglés, a City of Cambridge Symphony Orchestra ou a Orquestra do Norte en Amarante (Portugal). Entre as actuacións desta soprano figura así mesmo o recital A muller na música que en 2017 levou a cabo en Pontevedra, tamén da man da Vicerreitoría, xunto ao pianista Samuel Serrano, formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo e que actualmente traballa como profesor de piano e como pianista acompañante colaborando con agrupacións como o grupo Lembranzas ou o Coro Infantil da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove. Completa a formación responsable desta actuación a inglesa Sarah Harrison, formada en arte dramática na Universidade de Lancaster, para logo tomar parte en diversos proxectos comunitarios, como The Art of Conversation, desenvolvido en Manchester, antes de trasladarse tamén a Pontevedra, onde traballa como profesora de inglés.