DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora María Cecilia Zea realiza unha estadía esta semana no campus

De Washington a Ourense para falar da prevención do VIH

Participará en actividades de docencia e investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 04/04/2022

Ao longo desta semana, María Cecilia Zea, profesora da Facultade de Psicoloxía da Universidade George Washington, en Estados Unidos, realizará unha estadía no campus de Ourense na que participará en actividades de docencia e investigación arredor dos seus temas de especialización, como son a prevención do VIH e a aculturación de inmigrantes. A iniciativa enmárcase nas bolsas de intercambio do programa Erasmus+ KA107.

Este luns, a profesora, acompañada por Iraní Escolano, foi recibida por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e María Lameiras, catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo que ten colaborado en diversos proxectos de investigación coa convidada. Tanto María Cecilia Zea como María Lameiras superaron o proceso de selección das bolsas Erasmus+ KA107 polo que en xuño-xullo, será esta última a que devolva esta visita cunha estadía na Universidade George Washington.

Estes días está previsto que María Cecilia Zea participe en aulas da Facultade de Educación e Traballo Social, especialmente do seu Grao en Educación Social, e nun seminario de investigación do grupo Saúde, Sexualidade e Xénero, liderado por María Lameiras. Precisamente, ao seu abeiro, este luns pola tarde está previsto que a profesora da Universidade George Washington ofreza unha conferencia aberta ás persoas interesadas sobre a prevención do VIH, especialmente centrada no colectivo de homes que teñen sexo con homes.

Traxectoria académica e investigadora

De orixe colombiana, María Cecilia Zea conta con arredor de 40 anos de traxectoria académica e investigadora en Estados Unidos. Segundo explicou na súa chegada ao campus, formouse como psicóloga na Universidade Javeriana, en Bogotá, e tras traballar uns anos como psicóloga “nalgún momento decidín ir a facer un posgrao en Estados Unidos e fun á Universidade de Maryland”, onde realizou un en psicoloxía clínica comunitaria. Cando rematou o seu doutoramento, apuntou, “vinculeime coa Universidade George Washington e desde entón estou alí facendo investigación e formando alumnos”. Entre as súas investigacións destacan algunhas financiadas polo Instituto Nacional de Saúde de Estados Unidos sobre temas como a revelación do estado de VIH; sobre riscos sexuais en homes latinos que viven en EEUU e sobre homes que en Colombia tiñan sexo con homes. Alén do seu labor investigador, tamén ten participado en iniciativas como o desenvolvemento dunha película para promover a proba do VIH en homes que teñen sexo con homes.

Sobre a elección da Universidade de Vigo como destino da súa estadía, María Cecilia Zea explicou que “coñezo o traballo de María Lameiras e temos colaborado en Estados Unidos nalgúns proxectos e esta é unha boa oportunidade para establecer outras colaboracións”. Neste senso, apuntou como alén do seu traballo sobre VIH “traballei moito sobre aculturación, o proceso de adaptación de inmigrantes a Estados Unidos” e apuntou a actualidade desta temática coa chegada de inmigrantes procedentes de Ucraína. “Algo do desenvolvido en Estados Unidos pódese aplicar aquí cos inmigrantes ucraínos”, sinalou.