DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudante de Comunicación Audiovisual impulsa a páxina SomosCultura

Unha web busca fomentar o consumo de contidos en galego entre a mocidade

O portal reúne enlaces a perfís de 'youtubers' ou 'influencers'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/06/2021

Agrupar “nun único lugar todo o contido en galego das principais redes sociais” constitúe, como sinala o estudante do Grao en Comunicación Audiovisual Carlos Cerecedo, o obxectivo de SomosCultura, a web que impulsou no marco do seu traballo de fin de grao e coa que trata de “dar resposta ao escaso consumo en galego entre a xente nova”. Deste xeito, este portal dá continuidade a unha iniciativa que arrancou no primeiro cuadrimestre cando, no marco dunha materia impartida polo profesor Paulino Pérez, un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, crearon Somos Cultura, unha serie de programas televisivos, difundidos a través de internet, que buscaban pór o foco na crise provocada pola covid-19 nas industrias culturais.

Entre eles, atopábase Carlos Cerecedo, que exercía como responsable das redes sociais deste proxecto, que chegaron a sumar máis de 5000 seguidores, o que levouno a tratar de darlle continuidade a esta iniciativa, enfocándoa desta volta no fomento do galego a través das “plataformas máis utilizadas pola mocidade”. Deste xeito, SomosCultura converteuse nunha web que, a día de hoxe, reúne enlaces a preto de 150 contas en galego en diferentes plataformas e redes sociais, e que ademais de contribuír a difusión do idioma busca tamén axudar aos creadores e creadoras promocionando os seus contidos. “Estudando os datos do uso da lingua galega na xente nova, decatámonos dun claro déficit no consumo de contido en galego”, sinala Cerecedo, que explica que só o 24% das persoas menores de 15 anos empregan o galego no seu día a día, como constatou na análise que desenvolveu para o seu TFG, no que tivo como titor ao profesor Xabier Martínez Rolán, e da que derivou a creación deste espazo web. 

Youtubers, streamers, influencers...

Nese obxectivo de favorecer o uso do idioma, Cerecedo optou por centrar o seu proxecto nos contidos que se difunden e consumen a través da rede, dos que, apunta, só o 4% están en galego. Con esa idea, desenvolveu “unha plataforma, dividida por áreas”, na que as e os visitantes poden atopar os enlaces ás contas de streamers e youtubers que emiten en galego, a podcasts neste idioma ou aos perfís en plataformas como Spotify de artistas e grupos musicais. Do mesmo xeito, SomosCultura tamén reúne unha escolma de influencers que se caracterizan polo uso do idioma e enlaces a diferentes contas de Twitter ou Instagram, organizados á súa vez en “subseccións, como humor, gastronomía, entretemento, videoxogos, medios de comunicación...”, así como cun enlace á plataforma plataforma Twitch en galego, que reúne unha serie perfís desta rede social. Nese senso, Cerecedo recoñece que máis aló de iniciativas como esta, non existía ningún espazo que buscase agrupar “a toda a xente que fai contido en galego”. De aí que se trate dun proxecto, explica, que predente facer medrar e darlle continuidade máis aló do seu TFG. De feito, o web conta cun apartado, Únete, dirixido a que creadores de contidos en galego poidan sumarse á plataforma ou dar a coñecer as súas iniciativas e actuacións no apartado de eventos deste portal.