O evento académico celebrará a súa derradeira edición na Toxa o 20 e 21 de xuño
O Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental baixa o pano logo de 20 anos reunindo a elite da investigación climática
Organizado por Economics for Energy coa colaboración de Ecobas, Rede e UVigo
Durante dúas décadas Galicia reuniu cada dous anos no Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental (Atlantic Workshop on Energy and Enviromental Economics) algúns dos máis destacados académicos mundiais, incluído o premio Nobel Bill Nordhaus, nos ámbitos da economía climática, ambiental e enerxética. A iniciativa de Economics for Energy foi, en palabras dun dos seus promotores, o catedrático da UVigo e director adxunto de Ecobas, Xavier Labandeira Villot, “un instrumento crucial para facernos avanzar na investigación e na transferencia do coñecemento, ao permitirnos interaccionar en profundidade coa vangarda científica internacional neste campo”. Cos seus obxectivos cumpridos “dabondo”, asegura Labandeira, o workshop chegará ao seu fin os vindeiros 20 e 21 de xuño, desta volta coa coorganización de dúas institucións académicas ETH (Suíza) e RUB (Alemaña) e coa colaboración de Ecobas, Rede e a Universidade de Vigo.
“Penso que é un logro moi importante ter conseguido organizar e manter en Galiza durante estas dúas décadas un evento académico desta importancia e de alcance verdadeiramente global. Creo que, sen esaxerar, por este workshop teñen pasado os académicos mundiais máis relevantes e recoñecidos na economía climática, ambiental e enerxética, como Bill Nordhaus, premio Nobel polas súas contribucións nestes asuntos”, sinala o catedrático, que incide ademais no positivo deste evento para o país e o persoal investigador que traballa nestas cuestións nas universidades galegas, maioritariamente integrados en Ecobas.
Unha nova xeración de investigadores para poñer a guinda a dúas décadas
O Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental despedirase este mes cunha derradeira edición, que se celebrará na Toxa, na que se dará cita unha nova xeración de investigadores e investigadoras que traballan na fronteira do coñecemento, empregando novas aproximacións empíricas e aproveitando o volume inxente de datos dispoñibles. “As sesións convidadas reúnen dez investigadores sénior das principais universidades europeas e americanas que tratarán temas de moita actualidade, como a promoción das renovables e eficiencia enerxética ou os problemas e posibles solucións a unha axeitada colaboración internacional para abordar o cambio climático. As keynotes son nesta ocasión de dous grandes expertos en economía experimental e no deseño e avaliación de políticas climáticas”, detalla Labandeira, en referencia a Mirabelle Muûls do Imperial College e Robert D. Metcalfe da Southern California University.
Dúas mesas redondas, unha con editores das principais revistas académicas do ámbito e outra con decisores políticos, expertos do mundo financeiro e académicos para debater sobre o futuro da mitigación do cambio climático, son, segundo Xavier Labandeira, un dos principais puntos de interese do workshop, no que destaca a presenza na mesa redonda sobre políticas climáticas de Beatriz Yordi, a responsable de mercados de carbono e transporte sostible na Comisión Europea; de Zhang Xiliang, inspirador do mercado de carbono chinés, e de Soledad Núñez, membro da comisión executiva do consello de goberno do Banco de España.
Así mesmo, como broche de ouro á derradeira edición do workshop “queremos pechar esta xeira cunha reflexión final do debatido e pistas para a futura investigación económica no ámbito do cambio climático e da enerxía, coa participación de quince grandes investigadores de todo o mundo nunha sesión final denominada ‘Amigos da Toxa”, apunta Xavier Labandeira, que xunto ao reitor da UVigo, Manuel Reigosa, será o encargado de pechar o evento cunha reflexión sobre os 20 anos de actividade do workshop.