DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola Deputación de Pontevedra e a UVigo, celebrarase os días 2 e 3 de novembro

O workshop 'Hackeando o patriarcado' centrará a súa cuarta edición na misoxinia dixital

Será semipresencial e participarán referentes en xénero, socioloxía e antropoloxía social e cultural

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 18/10/2022

Baixo o lema Novos aparatos ideolóxicos: o patriarcado de vixilancia, os vindeiros días 2 e 3 de novembro celebrarase a cuarta edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado. Esta actividade, que se enmarca dentro da programación da Cátedra de Feminismos 4.0 impulsada pola Deputación de Pontevedra a Universidade de Vigo, terá un formato semipresencial, de xeito que o público poderá asistir aos relatorios tanto dende o edificio Redeiras como a través de UVigoTv. 

A primeira xornada comprenderá unha serie de relatorios e debates da man de mulleres referentes en xénero, socioloxía ou antropoloxía social e cultural, que abordarán as novas estratexias ideolóxicas patriarcais para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada: a chamada manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado. Como destacan dende a organización, “este non é un fenómeno illado, senón que se trata doutra expresión de violencia fóra de liña (offline) contra as mulleres e reforza os estereotipos de xénero. É unha violencia instantánea, rápida, viral e omnipresente, artellada de forma organizada”. 

Ao día seguinte terá lugar un obradoiro sobre ciberactivismo feminista na Facultade de Comercio, actividade que será completamente presencial.

Relatorios e mesas redondas o día 2

A primeira xornada comezará ás 10.00 da mañá cun acto inaugural no que participarán Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. A continuación, desenvolveranse diversas intervencións e unha mesa redonda da man de destacadas expertas para reflexionar sobre as características deste “terrorismo dixital misóxino”, como subliñan dende a organización. O obxectivo é estudar a súa gramática política e as súas consecuencias nocivas para a democracia e os dereitos humanos, ademais de analizar como condiciona a liberdade das mulleres na ágora dixital. 

O primeiro relatorio da xornada correrá a cargo de Remedios Zafra, Premio Anagrama de Ensaio 2017 e Premio Internacional Ensaio Jovellanos 2022, que falará sobre patriarcado e capitalismo dixital. Seguidamente intervirá Mónica Alario Gavilán, autora de Política sexual da pornografía. Sexo, desigualdade, violencia da Editorial Cátedra, cunha conferencia titulada Pornografía online: unha nova educación na violencia. Despois dun descanso terá lugar unha mesa redonda na que participarán Elisa García Mingo, profesora axudante doutora no Departamento de Socioloxía: Metodoloxía e Teoría da Universidad Complutense de Madrid; Elena Alfageme, historiadora e antropóloga feminista, responsable de xénero de InteRed; María Teresa Piñeiro Otero, profesora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña; e Alba Alonso Feijoo, autora do blog Realkiddys e diversos libros. As catro abordarán temas como o auxe da manosfera española e a onda antifeminista; diversas propostas fronte aos discursos negacionistas machistas no mundo dixital; as violencias dixitais contra as mulleres xornalistas ou as novas estratexias do machismo dixital.

Os relatorios desenvolveranse no edificio de Redeiras da Universidade de Vigo e non é preciso inscrición previa. As persoas que prefiran asistir virtualmente poderán seguir o seminario en directo a través da CanleDirecto 1 da UVigoTV

Obradoiro sobre ciberactivismo feminista o día 3

Ao día seguinte, o 3 de novembro, en horario de tarde, terá lugar o obradoiro e educación en ciberactivismo feminista Reescribe o código, que será impartido por 7H Cooperativa Cultural. Esta actividade terá lugar en formato exclusivamente presencial na Facultade de Comercio, en Torrecedeira, e é preciso inscribirse previamente neste enlace

Este obradoiro dividirase en dúas partes. A primeira delas estará dedicada a realizar un pequeno estudo polas orixes e evolución do ciberfeminismo, atendendo ao emprego da arte e da contrapublicidade como estratexias discursivas por parte de diferentes activistas e colectivos. A segunda servirá para poñer en práctica as diversas posibilidades que ofrecen as ferramentas de comunicación visuais, como a ilustración, o vídeo ou contidos dixitais como os adhesivos, os GIF e os memes, para crear recursos creativos propios e subverter a violencia simbólica que o patriarcado produce e reproduce a través da esfera dixital. Os materiais artísticos dixitais resultantes poderán descargarse baixo a licenza Creative Commons para a súa difusión se as participantes así o estiman oportuno. 

Este taller está aberto tanto ao estudantado da UVigo como ao público xeral sempre e cando sexa maior de 16 anos. O número máximo de prazas é de 12. 

Programa completo