DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inclúen tanto as fins de semana e festivos como as noites ata o mes de xullo

Xa están en marcha os horarios especiais de apertura das bibliotecas universitarias

O obxectivo é facilitar ao alumando a preparación dos exames

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 04/05/2026

Dende esta pasada semana, as bibliotecas centrais dos tres campus e a biblioteca de Torrecedeira xa teñen en marcha os seus horarios especiais de apertura. Esta medida pretende facilitar ao alumnado a preparación dos exames do segundo cuadrimestre e comprende unha ampliación da apertura en horario nocturno así como a extensión ás fins de semana e festivos.

Así, dende este pasado sábado 1 de maio e ata o vindeiro 12 de xullo, as bibliotecas centrais de Vigo, Ourense e Pontevedra, así como a de Torrecedeira abrirán os sábados e os domingos entre as 9.00 e as 21.00 horas.

No que se refire aos horarios nocturnos, as bibliotecas centrais de Ourense e de Pontevedra, así como a de Torrecedeira xa ampliaron a súa apertura. Deste xeito, de luns a venres, agás festivos, ata o 30 de xuño, estas tres instalacións estarán dispoñibles dende as 08.30 horas ata a 01.00 h. da madrugada. Entre o 1 e o 10 de xullo, a apertura reducirase unha hora, de modo que pecharán ás 00.00 horas.

Durante estes horarios especiais, tanto nocturnos como en fins de semana, as bibliotecas só prestan un servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos etc.

Durante este período especial, o resto das bibliotecas dos centros dos tres campus manteñen os seus horarios habituais de 8.30 a 20.45 h.