DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha das medidas inseridas no plan de acción do Green Campus

Xa en funcionamento o poste de recarga de vehículos eléctricos do campus

Pode ser usado pola comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/10/2021

O campus de Pontevedra ten xa en funcionamento un punto de recarga de vehículos eléctricos, situado no aparcamento da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, unha instalación acometida pola Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade e inserida no plan de acción do programa Green Campus. Como explica o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, este poste nútrese das placas fotovoltáicas instaladas nesta facultade e pode ser usado de balde polos integrantes da comunidade universitaria, que deben cumprimentar un formulario de rexistro para dar de alta a súa tarxeta universitaria para o uso deste equipamento “e a partir de aí pasala polo lector antes de comezar a cargar”.

A habilitación deste punto, que permite a recarga de dous vehículos de xeito simultáneo e que se completa estas semanas cos traballos de pintado e sinalización das prazas, forma parte das medidas incluídas no plan de acción do programa Green Campus para o pasado curso, como lembra o seu director, Carlos Souto. “É un paso máis, de cara a ser un campus máis sostible co medio ambiente está ben promover o uso deste tipo de enerxía en lugar de combustibles fósiles”, sinala o director do Campus Crea e Green Campus, que incide, non obstante, en que acudir ao campus en bicicleta ou andando segue a ser unha opción máis sostible e saudable que o uso do vehículo particular.

“Darlle vida ao campus”

Tamén no marco das medidas inseridas no plan de acción do Green Campus, nos últimos meses procedeuse á instalación de lámpadas led en 38 farois situados a carón das diferentes facultades e escolas, unha acción que busca tamén promover un “uso eficiente da enerxía e dos recursos”, sinala Souto. Ademais dun menor consumo, estes focos permiten tamén unha maior iluminación dos espazos exteriores do campus, sinala Cancela, que incide que esta serie de accións, sumadas a outras iniciativas como a instalación dun parque de calistenia ou dun poste de reparación de bicicletas, enmárcase no obxectivo de “darlle vida ao campus e que esta non estea só acoutada ao ámbito da formación, senón que sexa tamén unha zona de esparexemento da cidade”.