DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiranse propostas ata o 30 de maio e a mediados de xuño daranse a coñecer as persoas finalistas

Xa se poden presentar candidaturas a 3ª edición dos Premios Alumni-UVigo

A gala final de entrega de premios será o 5 de xullo no edificio Redeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/05/2024

A Universidade de Vigo acaba de lanzar unha nova convocatoria de presentación de candidaturas para os Premios Alumni-UVigo, unha iniciativa que este ano acada xa a súa terceira edición e coa que a institución académica viguesa quere promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional daquelas persoas da comunidade Alumni-UVigo que destacan pola súa valía e polo seu bo facer. 

As persoas interesadas en presentar as súas candidaturas poden facelo ata o vindeiro 30 de maio, elixindo a categoría que mellor se adapte ao seu perfil: emprendemento, humanidades, impacto social, investigación e traxectoria profesional. A gala final de entrega de premios será o 5 de xullo no edificio Redeiras e nela cada un dos premiados e premiadas recibirá un galardón e un diploma acreditativo símbolo do recoñecemento da institución na que se formaron á súa destacada traxectoria.

15 finalistas: tres por categoría

Para participar fai falla estar rexistrado como membro da comunidade Alumni-UVigo e cada candidato ou candidata só se pode presentar a unha categoría. Xunto co formulario electrónico de inscrición, deberá achegar un currículo, un pequeno resumo -máximo 100 palabras- dos principais méritos alcanzados que o fan merecedor do premio, así como calquera outra documentación que avale a candidatura (cartas de apoio de terceiros, hemeroteca, certificados de empresa…). 

O xurado dos premios será o encargado de preseleccionar a tres finalistas por cada categoría, atendendo ás achegas e currículo presentado polas persoas candidatas, seleccionando aquelas  propostas que contribúan de maneira máis substancial ao desenvolvemento da súa profesión con impacto a nivel rexional, nacional ou internacional.

 A listaxe de finalistas darase a coñecer antes do 15 de xuño e, a partir desa data, abrirase un período de votación entre todas as persoas usuarias da comunidade Alumni-UVigo para elixir ao premiado ou premiada en cada unha das modalidades, nomes que non se darán a coñecer na gala final de entrega de premios.

A listaxe de premiadas e premiados vai medrando

Entre as persoas galardoadas nas anteriores edicións hai nomes de todo tipo. Na categoría de emprendemento, que este ano se limita a iniciativas emerxentes promovidas por alumni con menos de cinco anos de percorrido, en 2023 galardouse a traxectoria de Véronica Codesido, pioneira no uso de cannabis medicinal, e no 2022 a Bibiana Rodiño fundadora e CEO de BETA Implants, empresa que deseña, desenvolve, fabrica e comercializa implantes específicos para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. 

A estes nomes hai que sumar outros como Patricia García, primeira presidenta do Círculo de Empresarios -Premio á Traxectoria Profesional 2023-; Martín Rodríguez, autor de múltiples traballos que se exhibiron en máis de 50 festivais de cinema de todo o mundo --Premio Alumni-UVigo Humanidades 2022-; a divulgadora científica María Calvo (Alumni-UVigo Impacto Social 2023-, ou as investigadoras Belén Riveiro e Mónica Carrera, Alumni-UVigo Investigación no 2022 e 2023.