DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa primeira participación no campionato, sumou seis vitorias, un empate e dúas derrotas

O xadrecista David Fernández remata entre os 30 primeiros no mundial para deportistas con discapacidade

Un triunfo na última rolda teríao situado entre os cinco mellores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 15/11/2021

Seis vitorias, un empate e dúas derrotas é o balance da participación de David Fernández, do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, no Campionato do Mundo de Xadrez para deportistas con discapacidade de categoría absoluta, que se desenvolveu nos últimos días de xeito virtual e que o pontevedrés completou entre os 30 primeiros. Un total de 255 xadrecistas de 46 nacionalidades participaron, entre o 5 e o 13 de novembro, neste mundial organizado pola Federación Internacional de Xadrez, no que Fernández competía por primeira vez e no que estivo preto de rematar entre os cinco mellores do mundo.

Como explican desde o EXP-UVigo, Fernández chegou á derradeira rolda do torneo “entre os mellores da competición”, polo que unha vitoria fronte ao mestre ruso Ilia Lipilin teríao clasificado no top5 mundial ou mesmo, se os desempates acompañasen, entre os tres medallistas. Mais esta vitoria non puido ser, xa que, nesta rolda decisiva, viuse superado por “un rival cunha magnífica comprensión estratéxica e de precisión absoluta nos finais”, como salientan desde o club. 

Así e todo, Fernández completou o seu debut nun campionato do mundo absoluto con 6,5 puntos, os mesmos que os clasificados e clasificadas do posto 16 ao 29, entre os que se atopaba a tamén integrante da selección española e primeira muller da clasificación xeral, Tatiana Flores. Nese senso, os desempates aplicados pola organización outorgaron o posto 26 a Fernández na clasificación final dun torneo no que se proclamou vencedor o mestre FIDE armenio Sargis Sargissyan, cunha marca de oito vitorias e un empate.

Vítima da “dopaxe electrónica”

Como explican desde o club pontevedrés, un dos “desafíos” que implica a modalidade virtual é o control do que definen como “dopaxe electrónica”, aqueles casos de xogadores e xogadoras que busquen apoiarse nos “módulos de análise” dos ordenadores. Fernández foi “protagonista involuntario” dun destes casos, xa que na segunda rolda foi derrotado polo xogador indio Banskar Prakash, que só consumiu para a súa vitoria catro minutos do seu tempo e protagonizou unha elección de xogadas das que ata os propios adestradores do EXP-UVigo, mestres internacionais de xadrez, recoñeceron que “lles custaba seguir o ritmo”. Finalmente, Prakash foi descualificado pola Federación Internacional, que devolveu os puntos aos xogadores afectados. Non obstante, como explican desde o club, “o sistema de desempate suma os puntos obtidos polos teus rivais no torneo”, o que non favoreceu finalmente ao xogador pontevedrés no reconto que definiu o seu posto entre os 30 mellores.