DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 2019 converteuse no primeiro galego en lograr unha medalla nun mundial deste deporte

O xadrecista do EXP-UVigo Rubén Fernández, seleccionado para o Campionato do Mundo sub16

David Fernández e Mari Carmen Lago competiron nas Olimpíadas para deportistas con discapacidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • TIC
  • Deportes
DUVI Pontevedra 07/12/2020

Este luns 7 de decembro arrancan, de xeito virtual, os Campionatos Mundiais FIDE, nos que compiten 1380 xadrecistas de 114 federacións nacionais. Entre eles, o deportista do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Rubén Fernández, que foi seleccionado para representar a España na categoría sub16 deste torneo en liña organizado pola Federación Internacional de Xadrez. Nel, intentará repetir o éxito que acadou o pasado ano no torneo presencial celebrado en Granada, onde logrou unha medalla de bronce que o converteu no primeiro xadrecista galego en subir ao podio dun campionato mundial. Á elección de Fernández para participar este torneo súmase ao éxito que para o club universitario supuxo a selección de David Fernández e Mari Carmen Lago para formar parte do combinado co que España competiu nas Olimpíadas para deportistas con discapacidade, converténdose na primeira nai e fillo en formar parte dun mesmo equipo nacional nun torneo olímpico.

Nun contexto marcado pola crise sanitaria, que obrigou á suspensión de numerosas competicións deportivas, a Federación Internacional de Xadrez apostou polos torneos en liña, como os Campionatos Mundiais nos que Rubén Fernández, tratará, entre este luns e este mércores, de obter unha das prazas que dan acceso á fase final, que terá lugar do 19 ao 23 de decembro. Nesta primeira fase, as e os xadrecistas competirán divididos en catro grupos, correspondentes á África, América, Asia e Europa, sendo este último, como salientan desde o EXP-UVigo, un dos grupos “máis fortes”, dada a presencia de “moitos rapaces con titulación internacional”. Entre eles, o xogador titular da selección olímpica de Dinamarca e “principal favorito”, o gran mestre Jonas Bierre.

Nai e fillo nun mesmo equipo, por primeira vez

Coa vitoria da selección de Polonia pecháronse a pasada semana as Olimpíadas en liña para deportistas con discapacidade, un torneo no que David Fernández e Mari Carmen Lago entraron “na historia do deporte olímpico como primeira nai e fillo en competir no mesmo combinado nacional”, como destacan desde o EXP-UVigo. Albert Olivera, Agustín Fernández, Gavril Draghici, Ana Linares e o gran mestre Arthur Kogan, como capitán, conformaban, xunto aos dous xadrecistas do club universitario, a selección coa que España rematou no posto 32 nesta competición organizada pola FIDE. O equipo español sumou nesta competición dúas vitorias, fronte a Costa Rica e Zimbabwe; tres empates, ante Panamá, India e Vietnam; e dúas derrotas, diante de Israel e Kirguizistán.

Nos seus marcadores particulares, David Fernández logrou unha vitoria, un empate e unha derrota, mentres que Lago acadou dúas vitorias, un empate e catro derrotas.