A competición reuniu no Pavillón Universitario 239 xogadores e xogadoras de 20 países
O xadrecista indio Muthaiah Alagappan álzase co XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Modipalli Deekshitha acadou o premio á mellor clasificada feminina
Desde o pasado venres, un total de 239 xadrecistas chegados de 20 países disputaron no Pavillón Universitario o XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, que este xoves celebraba a súa novena e derradeira xornada, na que o mestre internacional da India Muthaiah Alagappan alzouse coa vitoria final na categoría máster. Organizado pola Escola Xadrez Pontevedra (EXP), coa colaboración da Vicerretoría do campus, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, as baixas de última hora impediron á organización superar a cifra de 257 inscritos e inscritas acadada en 2025. Finalmente, foron 239 as e os xadrecistas que disputaron nas instalacións universitarias un torneo con nove roldas e dous grupos de competición, que reunían xadrecistas con puntuacións superiores ou inferiores a 2000 no ránking Elo Fide.
Coa presenza, entre outros, de 50 xadrecistas con titulación internacional, o primeiro destes grupos chegou a esta derradeira desta xornada con tres xadrecistas empatados no máis alto da clasificación, os grandes mestres indios Sayantan Das e Raja Rityvik R e mestre internacional cubano Luis Daniel Rodríguez. Nembargante, a vitoria final foi para o seu máis inmediato perseguidor Muthaiah AL, que lograba impoñerse nesta vitoria a Sayantan Das, tras preto de cinco horas de partida. Este triunfo situábao cun total de sete puntos no cómputo global, os mesmos que sumaban Raja Rityvik e Luis Daniel Rodríguez, que remataran en táboas o seu enfrontamento. Así, os criterios de desempate convereteron a Muthaiah AL no gañador final da categoría máster, na que o galego Diego Cacheiro remataba en sétimo lugar, completando unha destacada mención que lle permitu acadar a norma de mestre internacional.
Outra representante da delegación india, conformada por máis de 15 deportistas, era a xadrecista de trece anos Modipalli Deekshitha, quen recibía o premio á mellor clasificada feminina, ademais de acadar a norma de mestra internacional no que é o único torneo de Galicia puntuable para os títulos internacionais. Por outra banda, na categoría amateur, na que competían xadrecistas con menos de 2000 puntos no ránking Fide, a vitoria final foi para Ricardo Oubiña, mentres que o premio á mellor clasificada feminina foi para Irene Diz.
13.000 euros en premios
A cerimonia de clausura e de entrega de premios contou coa participación da vicerreitora do campus, Marián Fernández; a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; a directora do colegio Los Sauces, Maria Teresa Vázquez; e os presidente e xerente da EXP, Daniel Rivera e Pablo García. No seu conxunto, outorgáronse neste XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra 13.000 euros en premios aos mellores e melloras clasificadas nas dúas categorías, aos que se sumaron á súa vez os galardóns aos mellores veteranos, mellores xadrecistas de categorías de base ou o Trofeo Ramón Escudeiro Tilve á mellor partida de ataque, outorgado ao mestre internacional colombiano Ángel Gabriel Córdoba.
Nunha edición que reuniu xadrecistas de entre 7 e 81 anos, desde a organización destacan tamén a participación dunha delegación de deportistas da ONCE, entre os que se atopaban os integrantes da selección española xuvenil de xadrez para persoas cegas e con discapacidade visual, ou da medallista olímpica e dúas veces subcampioa de Europa Sabrina Vega.
