DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O deportista do EXP-UVigo rematou segundo na modalidade de xadrez rápido

O xadrecista Miguel Senlle proclámase subcampión galego

Acabou cuarto na categoría 'blitz' no torneo celebrado en Vilagarcía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/05/2018

Cinco vitorias e catro empates foi o balance que o mestre FIDE do Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Miguel Senlle acadou na modalidade de partidas rápidas do Campionato Galego Absoluto, disputado a pasada fin de semana en Vilagarcía de Arousa. Resultados que converteron en subcampión galego ao integrante do equipo universitario, tan só superado na puntuación final na modalidade de xadrez rápido, na que os competidores dispuñan de dez minutos e cinco segundos de incremento por xogada, polo gran mestre e ex-campión mundial sub16 Ibragim Khamrakulov, gañador tamén desta competición na modalidade blitz, na que Senlle tivo que conformarse co cuarto lugar despois de sumar a súa única derrota fronte a este xadrecista natural de Uzbekistán nacionalizado español e residente en Vigo.

Ademais de Senlle, no torneo celebrado os días 19 e 20 de maio tamén destacou a nova promesa do EXP-Universidade de Vigo Rubén Fernández, que logrou un meritorio oitavo posto na modalidade blitz, na que os competidores dispoñen tan só de tres minutos con dous segundos de incremento por xogada. Fernández, que rematou en décimo cuarto lugar na modalidade de partidas rápidas, non só loitou sen complexos fronte aos mellores xadrecistas galegos, senón que ademais foi o único capaz de derrotar neste torneo a Khamrakulov, na segunda partida da modalidade blitz.

Triunfo en Portugal

A estes éxitos, o Escola de Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo sumaba tamén nos últimos días o triunfo acadado por Daniel Rivera e Pablo García no Campionato Nacional de Equipos de Portugal, celebrado en Matosinhos, no que os xadrecistas pontevedreses competiron co Escola Xadrez Porto, club que asinaron un acordo de colaboración e co que lograron proclamarse campións nacionais en Segunda División. Triunfo co que o equipo do Porto logra o asenso á primeira división lusa, “a competición de maior nivel de Portugal e unha das mellores de Europa”, sinalan desde o EXP-UVigo.

Así mesmo, a Escola Xadrez Pontevedra prepárase tamén para a celebración, mañá venres, de Xadrez na Rúa, “un dos maiores festivais de xadrez ao aire libre de España”, que terá lugar na Praza de España coa participación de 400 nenos e nenas, sucedido, na xornada do sábado, pola celebración do IX PonteXadrez, competición que reunirá a preto de 300 deportistas de Galicia, Castela León e do norte de Portugal.