O catedrático Javier Pérez Guerra recibiu unha bolsa da Japan Society for the Promotion of Science
Xapón, novo destino da FFT na procura de proxectos de investigación e mobilidade nos ámbitos da lingua e a lingüística
Colaboracións concretas sobre proxectos en lingüística cognitiva, lingüística histórica e de corpus e a proposta dun convenio bilateral coa UVigo que permita a mobilidade no só de persoal investigador en formación e sénior, senón tamén de estudantes de lingua e lingüística, aproveitando o apoio institucional e de infraestruturas que poida proporcionar iLingua, o Instituto de investigación Lingua da UVigo. Estas son as accións concretas que previsiblemente en breve darán continuidade á estadía que o catedrático do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Javier Pérez Guerra realizaba o pasado mes de xuño en varias universidades de Xapón, nas que impartiu conferencias, plenarias e sesións temáticas.
“Aínda que a miña relación co profesor Fujio Nakamura das universidades Kansai Gaidai e Aichi Prefectural comezou hai décadas, esta foi a miña primeira experiencia académica en Xapón”, explica Pérez Guerra, que realiza unha valoración moi positiva, destacando “a enorme capacidade de traballo do persoal investigador, a empatía, xenerosidade e entrega ao investigador visitante, así como as condicións materiais e persoais idóneas para o desenvolvemento do seu labor”.
Unha bolsa da Japan Society for the Promotion of Science
O catedrático da UVigo realizou a súa estadía en Xapón ao abeiro dunha bolsa concedida pola Japan Society for the Promotion of Science (JPS), un organismo fundado en 1932, independente administrativamente, aínda que asociado ao Ministerio de Educación, Cultura, Deporte, Ciencia e Tecnoloxía do Xapón, responsable do financiamento público da actividade científica no país. “Trátase dunha unidade moi semellante á Axencia Estatal de Investigación de España”, explica Pérez Guerra, que destaca que a JPS ofrece programas moi competitivos de bolsas dirixidos a persoal investigador estranxeiro, co obxectivo de levar a cabo traballos colaborativos con colegas no Xapón.
“En concreto, o profesor Nakamura solicitou unha bolsa que financiara a miña estadía durante o mes de xuño dentro de programa Invitational Fellowships for Research in Japan”, detalla o docente da UVigo, que lembra que estas bolsas implican a existencia dun proxecto de investigación conxunto entre o investigador xaponés receptor e solicitante e o investigador convidado, que desenvolve o seu labor no laboratorio do centro receptor e participa en actividades científicas durante o período de estadía en Xapón.
Sobre o proxecto
Corpus-based Linguistic Variation with Special Reference to Syntax and Morphology in Modern and Contemporary English é o título do proxecto proposto para a bolsa da JPS á abeiro da que Pérez Guerra impartiu unha conferencia na English Research Association of Hiroshima e unha plenaria no congreso anual da Modern English Association, celebrado en Nagoya, ademais dunha KGU Commemorative Lecture en Hirakata. “Igualmente, fun convidado polo Ibero-American Laboratory da Kansai Gaidai University a compartir co alumnado de español unha sesión temática sobre os estudos universitarios en España”, conclúe.
