DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores principais do proxecto, F. Aguado e J.A. Vilán, satisfeitos polo obxectivo cumprid

O XaTcobeo en órbita, moito máis que un soño feito realidade

Apuntan que “ter chegado ata aquí, creando un picosatélite cos estándares da ESA, é todo un éxito”

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/02/2012
Obxectivo cumprido. Coa conta atrás xa comezada, os investigadores principais do proxecto XaTcobeo danse por satisfeitos e consideran xa un éxito ter “cumpridos os prazos e os requisitos marcados pola Axencia Espacial Europea”. Así de convencidos se amosan José Antonio Vilán e Fernando Aguado a poucas horas do lanzamento do picosatélite ao espazo a bordo do foguete Vega. Ambos, xunto con dous estudantes implicados no proxecto, conforman a delegación viguesa que seguirá en directo dende a Güiana Francesa o despegue de Vega. “A guinda a estes tres anos de intenso traballo é o lanzamento e a comunicación dende terra co XaTcobeo, pero o obxectivo está cumprido, xa acadamos o éxito que buscábamos” con este proxecto punteiro que converte á Universidade de Vigo na primeira de Europa en poñer en órbita un CubeSat 1U construído cos estándares da ESA.

A pesar da súa ampla experiencia docente e investigadora, Aguado, responsable do proxecto e Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, recoñecen que este é un “soño feito realidade” e agradecen o apoio da Universidade, das entidades financiadoras e, sobre todo, dos alumnos e profesores, “sen eles non tería sido posible”. Pero tres anos de intenso traballo fan ás familias merecedoras dun sentido agradecemento, “polo tempo que lles restamos a eles para dedicalo ao proxecto, o máis ilusionante que tiven na miña carreira profesional”, explica Fernando Aguado. Pola súa banda, José Antonio Vilán destaca que como investigador “foi o proxecto máis ambicioso ao que me enfrontei nos 20 anos que levo na Universidade de Vigo”, unha meta que “requiriu un esforzo de todos, noites sen durmir, fins de semana traballando arreo, pero é unha gran satisfacción”.

Todos os obxectivos cumpridos

Pero o XaTcobeo é un proxecto eminentemente educativo. A formación e aprendizaxe dos máis de 60 estudantes que participaron na iniciativa converte á Universidade nunha destacada canteira de profesionais para a industria aeroespacial. Isto responde aos novos modelos de universidade, que potencian a participación dos estudantes nos proxectos de investigación previamente ao doutoramento. Como explica Fernando Aguado, “é un exemplo de participación dende etapas temperás e provoca moita implicación e motivación do conxunto de estudantes”. O director do proxecto destaca a súa importancia porque “actualmente en España non hai unha formación tan específica e práctica coma esta, estes alumnos e alumnas son os primeiros que puideron participar con estándares de calidade nun proxecto totalmente innovador e teñen un futuro ilusionante por diante”, ben sexa nunha futura industria espacial en Galicia, ben no estranxeiro.

Unha oportunidade para Galicia

E é que o XaTcobeo non só sitúa a Vigo á vangarda das universidades europeas, senón que abre novas portas para o tecido industrial galego. Este tipo de satélites e outros comerciais vanse deseñar como satélites á carta, polo que en función das necesidades pódense desenvolver a un prezo razoable. Por iso Fernando Aguado agarda unha continuidade tanto a nivel educacional como empresarial, que agrome un tecido industrial capaz de crear solucións comerciais”. Para iso son necesarios equipos multidisciplinares que xeren solucións de plataformas satelitais exportables a nivel mundial. O vicerreitor de Transferencia destaca que Galicia conta cunha posición de saída vantaxosa porque “hai poucos sitios no mundo onde se estea formando xente a este nivel, xa están recorrendo a nós outros países para iniciarse no sector aeroespacial, temos experiencia para ofrecer formación a terceiros e iso é moi importante, é un recoñecemento ao labor ben feito”.

En unha nova liña estratéxica para a Universidade

Ademais de novas oportunidades para a industria galega, o XaTcobeo abre unha nova liña estratéxica para a Universidade de Vigo, que xa considera a investigación aeroespacial como unha prioridade. De feito, a institución está a desenvolver novos proxectos relacionados con este campo, entre eles un de grande envergadura, Humsat, unha constelación de nanosatélites cunha gran capacidade de comunicación. José Antonio Vilán explica que a Universidade foi tamén seleccionada como núcleo central de operacións en Europa de GENSO, a nova rede mundial de satélites non comerciais en bandas libres.

Xa coa Xunta de Galicia, a Universidade ten en marcha un proxecto que, de cumprirse os prazos previstos, converterase no primeiro FemtoSat do mundo, “un satélite aínda máis pequeno que o picosatélite, cun peso que non pode superar os 100 gramos”, como explica o vicerreitor. A parte destas liñas de traballo xa en marcha, a Universidade ten tamén contactos con empresas nacionais e internacionais e administracións europeas e de EEUU para seguir tentando acadar éxitos na liña aeroespacial.