DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son os autores xunto con José M. Labeaga e Xiral López-Otero, da UNED

Xavier Labandeira e Alberto Gago, distinguidos pola Revista Hacienda Pública Española por un artigo sobre fiscalidade ambiental

Formulan varias propostas fiscais para o sector do transporte, así como medidas compensatorias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/06/2022

Un artigo sobre as posibilidades da fiscalidade ambiental española asinado polos catedráticos Xavier Labandeira e Alberto Gago, xunto cos profesores da UNED José M. Labeaga e Xiral López-Otero, acaba de recibir o Premio Alexandre Pedrós ao mellor artigo publicado na Revista Hacienda Pública Española-Review of Public Economics durante 2021. Este galardón, dotado pola Societat Econòmica Barcelonesa d'Amics del País, concédese anualmente sen que se presenten candidaturas.

Os dous investigadores do grupo Rede valoran esta distinción de forma “moi positiva” ao tratarse “dunha revista académica moi relevante: a de referencia no ámbito da Economía Pública en España e cun impacto crecente a nivel internacional”. Labandeira, membro do centro de investigación interuniversitario Ecobas, destaca que esta é unha revista “na que moitos dos autores levamos publicando moitos anos, co que é unha honra recibir este premio” e engade ademais que “é moi reconfortante para min recibir o premio Pedrós por un artigo que se centra nas posibilidades da fiscalidade ambiental española pouco despois da miña participación no comité de persoas expertas para a reforma tributaria, no que estas cuestións xogaron un papel fundamental”.

O artigo analiza o papel da fiscalidade enerxética e ambiental na transición a economías descarbonizadas e explica algunhas das limitacións que existen na súa aplicación real, como os seus posibles impactos negativos sobre a distribución e a equidade. Os autores sinalan o potencial dos impostos enerxéticos e ambientais e as súas vantaxes fronte a outros instrumentos no que se atinxe á eficiencia económica, efectividade ambiental e capacidade recadatoria, pero a súa aplicación práctica vese freada principalmente polos posibles impactos distributivos regresivos, derivados principalmente do seu efecto desproporcionado sobre os fogares de renda baixa, que tenden a dedicar unha maior proporción dos seus ingresos a cubrir as necesidades enerxéticas. 

Neste estudo, os investigadores achegan “unha serie de propostas fiscais” para o transporte por estrada e para a aviación, “dúas fontes de emisións significativas de gases de efecto invernadoiro”. Estas reformas fiscais son definidas e avaliadas empiricamente para o caso específico de España a curto prazo, “con paquetes compensatorios para reducir o seu carácter regresivo e apoiar así a súa viabilidade na práctica”. 

Impostos sobre carburantes de automoción e sobre a aviación

Labandeira, Gago, Labeaga e López-Otero presentan varias simulacións nas que analizan o incremento de impostos, por unha banda, sobre os carburantes de automoción e, por outra, sobre a aviación. No que respecta aos carburante, as simulacións amosan que tería un impacto ambiental e recadatorio importante, pero  tamén un efecto distributivo regresivo. Para paliar este efecto, os investigadores apostan polo uso de “paquetes compensatorios mediante transferencias directas aos fogares”, medida coa que se consegue reverter este impacto, convertendo as reformas en progresivas. O outro escenario no que traballaron os investigadores é a posible introdución dun imposto sobre a aviación, un medio de transporte “cuxas emisións de gases de efecto invernadoiro están evolucionado de forma preocupante nos últimos anos”. O imposto aplicaríase sobre os billetes de avión e busca “moderar a demanda” o que implicaría menores emisións e maiores ingresos públicos, aínda que substancialmente menores aos que se poderían obter incrementando a fiscalidade sobre os carburantes de automoción. Os expertos sinalan que o impacto distributivo deste incremento impositivo “sería claramente menor, incluso con tendencia á progresividade” pero, con todo, cumpriría artellar “compensacións distributivas” para evitar que os fogares con rendas máis baixas queden excluídos do uso do avión como medio de transporte. 

Con estas propostas, os investigadores tratan de buscar o xeito de que o incremento nos próximos anos da fiscalidade enerxética e ambiental para loitar contra o cambio climático “poida ser socialmente viable”. Por iso, os autores consideran necesario que a recadación adicional xerada se destine, parcial ou totalmente, a medidas compensatorias que anulen ou reduzan os impactos distributivos negativos. Recalcan tamén que é “importante que o mecanismo compensatorio teña unha elevada visibilidade”, o que permitiría que as familias fosen conscientes da súa existencia e se xerase “confianza na capacidade do goberno para xestionar a recadación".