DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“É unha grande honra e responsabilidade”, asegura o catedrático de Economía da UVigo

Xavier Labandeira, Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias

O recoñecemento está outorgado pola sección de CC Económicas e Sociais da RAGC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 07/10/2019

Co gallo do Día da Ciencia en Galicia, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregará este martes, as Medallas de Investigación, coas que a institución recoñece, por primeira vez, a traxectoria de científicas e científicos de prestixio en activo, que desenvolveron a maior parte da súa actividade en Galicia. O catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira é un dos cinco investigadores galardoados pola RAGC, concretamente coa medalla Domingo García- Sabell Rivas, outorgada pola sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución académica, que tamén premia aos investigadores e investigadoras da USC, Carlos Díeguez, Alfredo Bermúdez de Castro, María Teresa Moreira e José Luis Mascareñas.

“Recibir a primeira medalla á traxectoria investigadora en economía que concede a academia de ciencias do meu país é unha grande honra e responsabilidade. Ademais, na medida en que este recoñecemento reivindica a importancia das investigacións sobre mitigación do cambio climático, confío que contribúa a espallar a necesidade de actuación urxente e intensa neste eido entre os decisores políticos e económicos”, apunta o catedrático de Economía da Universidade de Vigo. O acto de entrega das medallas celebrarase este martes no Colexio de Fonseca en Santiago, nun acto académico no que tamén se homenaxeará a figura de Tomás Batuecas, o primeiro catedrático de Química Física en España, habilitada na USC en 1932, e no que se entregarán os Premios de Investigación Ernesto Viéitez. 

Case trinta anos de traxectoria investigadora desenvolvida no país

Xavier Labandeira (Vigo, 1967), que iniciou a súa traxectoria investigadora na Universidade de Vigo hai case trinta anos, destaca que, “desde o primeiro momento tiven a sorte de contar con mentores e compañeiros que me permitiron dar co tema que, con variacións, fun desenvolvendo ata hoxe: o deseño e avaliación das políticas de protección do medio ambiente”, sinala o investigador, que hai máis dunha década está a concentrar os seus esforzos no ámbito da economía do cambio climático, nomeadamente nas políticas de mitigación.

O director do centro de investigacion Economics for Energy e autor de informes de avaliación do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC), afirma que “sempre quixen desenvolver o meu traballo académico no meu país, para tentar contribuír, cun gran de area, ao seu desenvolvemento socio-económico. Nunca quixen desvincularme do noso sistema universitario, incluso nos momentos nos que a miña involucración con outras institucións académicas facía máis difícil esta relación”. Neste sentido, Labandeira asegura que a súa traxectoria investigadora non pode entenderse sen o respaldo institucional da Universidade de Vigo, “que sempre apoiou as miñas iniciativas, como Economics for Energy, a participación no IPCC ou a miña etapa no European University Institute de Florencia, nin sen o concurso dos meus colegas no grupo de investigacion Rede e da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais”.

Un futuro vinculado á mitigación do cambio climático

Coa vista posta no futuro, Labandeira ten claro que a súa traxectoria investigadora continuará vinculada ao ámbito da mitigación do cambio climático. “A economía vai xogar un papel tan fundamental na definición e implantación de políticas climáticas, que non imaxino desvincularme deste eido no que me resta de vida profesional. Iso si, tentarei aproximarme a estas cuestións con novas técnicas (estou operando de forma crecente desde a denominada economía experimental), e explorar asuntos pouco tratados pola literatura, como por exemplo, a reacción do mundo empresarial ante as políticas correctoras”, detalla o catedrático vigués.