DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático vigués é un dos cinco españois que participaron neste estudo

Xavier Labandeira, revisor editor no último informe de avaliación do IPCC: “Sería posible facer moito máis e chegar a 2030 cunha considerable baixada de emisións”

O traballo do Grupo III achega diferentes solucións para facer fronte a este desafío

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/04/2022

“Xa se observan avances na acción contra o cambio climático nun conxunto de países e sectores, pero sería posible facer moito máis e chegarmos a 2030 cunha considerable baixada de emisións”. Así de rotundo se expresa o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira, un dos cinco españois que participa no informe do Grupo de Traballo III, GT-III, do Sexto Informe do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático, IPCC, feito público este luns e no que se ofrece ampla información sobre as actuais emisións de gases contaminantes e as medidas de mitigación necesarias para o cumprimento dos obxectivos do Acordo de París, incluíndo os ámbitos enerxéticos, agrícolas, industriais, alimentarios e vinculados á edificación ou ao consumo.

Asinado en 2015 e tras entrar en vigor no 2016, esta é a primeira vez que un comité de especialistas -239 autores de ducias de  países- analiza se o Acordo de París, que representou un cambio de paradigma substancial con respecto ao precedente Protocolo de Kioto, no que só os países industrializados limitaban as súas emisións de acordo coas metas individuais acordadas, está ou non tendo efecto. “Trátase dun informe que cubre toda a literatura producida nos últimos anos nun campo moi amplo como é o da mitigación, ou redución de emisións, do cambio climático”, explica Labandeira, ao que engade que entre as “mensaxes sobranceiras desta avaliación”, atópase o feito de que a marxe para cumprir cos obxectivos do Acordo de París, particularmente o de manter a suba de emisións en 1,5ºC para finais deste século, “é moi reducida”, polo que, “a non ser que iniciemos xa unha redución moi intensa das emisións en todos os sectores e rexións non seremos quen de conseguilo”.

“Esperemos que axude á introdución de políticas máis ambiciosas e de aplicación inmediata”

Esta non é para Xavier Labandeira a primeira vez que foi convidado a participar na elaboración dun informe do IPCC, xa o fixera, como autor principal, no quinto informe de avaliación, traendo a Vigo en 2012 unha das xuntanzas de traballo máis relevantes do proceso, “con presenza de centos de académicos procedentes de todo o mundo”. Neste sexto informe a invitación consistiu en participar como revisor editor do capítulo 13, no que se avalía o coñecemento científico, técnico e socioeconómico sobre o cambio climático, co obxectivo de prover á clase política e a outros axentes sociais dunha análise en profundidade desta cuestión, a partir da que poidan tomar decisións informadas. “Os informes de avaliación son fitos fundamentais para a loita contra o cambio climático porque parten dunha institución intergobernamental como o IPCC: así é moito máis doado que as conclusións cheguen aos decisores políticos e inflúan nas súas actuacións”, considera Labandeira, ao que engade que os anteriores informes foron, ademais, cruciais para a configuración de acordos como o de París. “Esperemos que neste caso axude á introdución de políticas máis ambiciosas e de aplicación inmediata”, recalca o autor.

Como editor revisor a función do catedrático vigués centrouse nesta ocasións nun labor de supervisión. “Os traballos do IPCC son elaborados por un conxunto de expertas e expertos internacionais e de distintas áreas. Porén, o seu traballo está suxeito ao escrutinio de especialistas externos”, explica o autor, quen recalca o feito de que o revisor editor de cada capítulo debe garantir “que este proceso de participación dos expertos externos é realizado correctamente, isto é, que se consideran e se responde de xeito adecuado ás distintas apreciacións”.

Neste capítulo participaron 13 autores dos cinco continentes, dous deles como coordinadores: o catedrático vigués e un académico chileno. Centrado no estudo das políticas e institucións climáticas nacionais e subnacionsis, os autores e autoras do informe destacan, segundo explica Labandeira, “a efectividade comprobada dalgunhas das políticas aplicadas, a importancia das institucións e a conveniencia de que as administracións subcentrais xoguen un papel moi relevante neste ámbito”.

A maiores o capítulo tamén recolle, segundo o catedrático vigués, "a importancia das políticas de prezo sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, o papel crecente da litigación climática e o potencial que ten para a loita contra o cambio climático a redución dos subsidios aos carburantes fósiles".

Recoñecemento profesional e importante responsabilidade

Todos os autores participantes neste informe foron seleccionados en 2018 por un comité do propio IPCC, despois dunha convocatoria global, en función dos seus méritos académicos. “Formar parte do grupo de persoas seleccionadas é un recoñecemento á traxectoria profesional e persoal, pero tamén unha importante responsabilidade, dada a relevancia do IPCC na loita contra o cambio climático”, explica Xavier Labandeira. “A experiencia foi moi satisfactoria en todos os sentidos, aínda que non podo negar que viría ben contar con máis medios e recoñecemento para os académicos que, de forma totalmente desinteresada (non remunerada) ) e cun custo importante en tempo dispoñible para a investigación e docencia, participan nunha tarefa tan relevante para a sociedade”, engade.

Hoesung Lee, presidente do IPCC: “Os vindeiros anos serán cruciais”

A presentación do informe tivo lugar esta mesma tarde e contou coa participación, entre outras personalidades,  do presidente do IPCC, o coreano Hoesung Lee, quen destacou que “os vindeiros anos serán cruciais para o estado do cambio climático neste século, de aí que unha avaliación actualizada da mitigación é máis importante ca nunca”. Na súa intervención o responsable do panel lembrou que as avaliacións do IPCC sempre deixaron moi claro que o cambio climático inducido polo home é xeneralizado, rápido e estase a intensificar. “É unha ameaza para o noso benestar e o de todas as demais especies, unha ameaza para a saúde de todo o planeta”, polo que, “calquera retraso adicional na acción global concertada perderá unha ventá que se pecha rapidamente para asegurar un futuro habitable”.

Entre outros datos de carácter destacado o informe pide aos diferentes países que reduzan as súas emisións de CO2 un 48% durante os próximos oito anos e a un terzo as emisións de metano, os dous gases industriais que máis están contribuíndo ao quecemento global. Do contrario, os especialistas consideran que a temperatura media do planeta aumentará máis dun grao e medio, un nivel peligroso segundo os científicos do IPCC.

Unha vez publicadas as tres partes do Sexto Informe do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático, IPCC,  -no grupo de traballo II contouse coa participación da tamén profesora da Universidade de Vigo Elena Ojea- queda pendente un informe de síntese que se fará público en outono. “Este será o capítulo final do ciclo, sintetizando evidencias e datos das contribucións dos tres grupos de traballo, así como dos tres informes especiais do IPCC”, explicou Lee.