DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Ephyslab dótase dun canal de auga de uso divulgativo e educativo

O xerador Eólice permitirá simular a pequena escala o comportamento das ondas do mar

Está situado no edificio do Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 26/10/2021

O grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), desenvolve desde hai máis dunha década unha dilatada traxectoria investigadora en eidos como a oceanografía e a enxeñaría costeira e a dinámica de fluídos. Os seus estudos realízanse fundamentalmente a través da simulación computacional e numérica. Co obxectivo de facer máis visible este traballo para o público e de contribuír á divulgación e aprendizaxe no seu eido de especialización, o equipo vén de dotarse dun xerador de ondas a pequena escala.

En colaboración coa Universitat Politècnica de Catalunya

Trátase, explican desde Ephyslab, dun canal de demostración e exhibición que, con aproximadamente dous metros por 20 centímetros de dimensión e capacidade para 60 litros de auga, permite simular a pequena escala o comportamento das ondas do mar. No seu tanque “xeramos trens periódicos de ondas, nos que nós podemos fixar a altura e o período das ondas e así estudar as súas diferentes propiedades e comportamentos”, comenta Moncho Gómez Gesteira, membro do grupo e catedrático de Física da Terra da Universidade de Vigo.

O aparello, de nome Eólice (como a deidade grega das ondas xeradas por tormentas), foi construído conxuntamente polo grupo da UVigo e a Universitat Politècnica de Catalunya (UPC). Esa institución académica, indican desde Ephyslab, conta cun Canal de Investigación y Experimentación Marítima (ICTS-CIEM), unha infraestrutura de investigación que permite a realización de ensaios hidráulicos controlados en enxeñaría de portos, costas e oceanográfica, así como noutros campos como a obtención de enerxía dos recursos mariños. Froito da colaboración que existe entre CIEM e Ephyslab en diversos proxectos, Moncho Gesteira comenta que xurdiu o interese común de facer un canal demostrativo, a escala reducida, que permitirse facer experimentos sinxelos e desenvolver unha parte didáctica e educativa.

Os grandes canais como o de CIEM, sinalan desde Ephyslab, teñen uns custes moi elevados e non son accesibles para uso común. Por outra banda, as ferramentas de traballo de Ephyslab neste eido son fundamentalmente computacionais, como o seu software DualSPHysics, referente na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais. Entre un e outro estadio, o xerador instalado agora no edificio do Campus Auga, onde Ephyslab ten a súa sede, permite “explicar dun xeito visual a persoal non especializado as propiedades das ondas” e realizar pequenas demostracións e calibrados de modelos, ademais de proxectos divulgativos e educativos.

Diferentes usos

Os usos que se lle darán a este xerador a pequena escala son diversos. Por unha banda, comentan desde Ephyslab, daráselle un uso docente, permitindo ao alumnado universitario empregalo para completar desde un punto de vista práctico a docencia nas aulas, os seus traballos fin de estudos e outros proxectos que poidan desenvolver. Os sensores de Eólice, sinalan desde o grupo de investigación do campus de Ourense, permitiralles ás e aos estudantes medir diferentes aspectos de interese e, por exemplo, comprobar in situ as relacións teóricas entre as velocidades, lonxitudes, períodos e alturas de onda. “Sempre estamos explicando as propiedades das ondas e agora que dispoñemos deste xerador o alumnado pode vir e medilas”, apunta Gómez Gesteira.

O xerador tamén terá un uso de carácter divulgativo, de demostración para públicos non especializados, especialmente estudantes preuniversitarios e que participan en iniciativas como os bacharelatos STEM. O uso deste dispositivo, sinalan os seus responsables, permitirá por exemplo explicar a estes colectivos como se forman as ondas, que é o mar de fondo ou que é o fenómeno de refracción, que fai que as ondas cheguen paralelas á praia. Así, con Eólice, colocando unhas pequenas boias na súa auga e activando o tren de ondas, as persoas poderán percatarse de que “as ondas non propagan materia, propagan enerxía”. Por último, engaden desde Ephyslab, o xerador empregarase en investigación “para cousas moi sinxelas, como calibrar modelos”.

Unha vez instalado o dispositivo, desde o grupo de investigación do CIM-UVigo sinalan que “queremos sacarlle o maior partido posible, tanto no eido divulgativo como docente”. Deste xeito, a primeira oportunidade para coñecer o xerador é esta semana, nunhas xornadas de portas abertas para coñecer Ephyslab chamadas CIM no Campus de Ourense e organizadas dentro da programación da iniciativa Divulgando Ciencia Singular. Entre as primeiras persoas en coñecer o funcionamento de Eólice estiveron Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga. “Este é un exemplo máis do bo facer deste grupo do noso campus”, salientou Esther de Blas na visita, na que subliñou que esta iniciativa “vainos axudar a darlle visibilidade ao Campus Auga” e “vai a ser moi atractiva e interesante para estudantes de colexios e institutos e tamén para calquera persoa interesada na ciencia”.